Movámonos! pola nosa lingua, polo emprego"
09 xul. 2009 - 20:49
A secretaria de Imaxe e Propaganda, Ana Pontón, e a secretaria de Organización, Montse Prado, presentaron en rolda de prensa a campaña do BNG para o Día da Patria, que levará por lema Movámonos! Polo noso idioma, polo emprego e na que se prevé unha participación masiva.
Ana Pontón asegurou que a campaña do BNG para o 25 de Xullo está centrada en dúas preocupacións de gran importancia para a sociedade galega, e tamén para o BNG, como son a defensa do idioma e a defensa do emprego neste momento de crise.
Neste sentido, a responsábel de Imaxe e Propaganda da Executiva do BNG denunciou que o Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza, está a levar a campaña máis agresiva contra a lingua galega nos últimos trinta anos. Ademais, criticou a ausencia total por parte do Goberno de Feijóo de medidas para facer fronte á crise económica, á destrucción de postos de traballo e ao retroceso que estamos a sofrer na corbertura de servizos sociais.
Ana Pontón salientou que o cartaz do BNG para o Día da Patria quer simbolizar un BNG con ilusión, que saliu fortalecido da Asemblea Nacional e tamén un BNG plural que é capaz de camiñar unido na mesma dirección. O BNG ten programados máis de 100 actos con motivo do Día da Patria.
Utilizan a Castelao como escaparate pero non cren nel
Pola súa parte, a secretaria de Organización do BNG explicou que a inclusión no cartaz da frase Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma, do libro Sempre en Galiza, é acaída nun momento no que se está a manipular a figura de Castelao.
Non deixa de ser un paradoxo -criticou- que os mesmos que conceden as Medallas Castelao son os mesmos que atacan o noso idioma e utilizan a Castelao como un esparate, sen acreditar para nada no seu pensamento.
Ademais, Montse Prado subliñou que a defensa da lingua vai unida a defensa dun maior político para Galiza e á densa da nosa economia. A este respeito, criticou que a negativa de Feijóo a que Galiza contara cun Estatuto de Nación fai que teñamos moito menor peso político no debate sobre o financiamento autonómico.
Por último, a secretaria de Organización, Montse Prado, reiterou que a Mesa pola Normalización Lingüística ten dereito a axudas públicas, tanto polo número de socios e socias, con case 4.000, como polas múltiples actividades que leva a cabo.
A Mesa ten dereito a axudas públicas, goberne quen goberne, aseverou Montse Prado.