A Lei de Augas da Xunta do PP "vai duplicar ou triplicar o que imos pagar pola auga"
O conselleiro de Medio Ambiente ven de anunciar no Parlamento galego a súa intención de incumprir a Lei de Augas que el mesmo promoveu e que aínda non leva en vigor dous meses. O feito en si é moi grave e só se pode entender en clave electoral. Reafírmanos no que moitos levamos meses denunciando: a nova Lei de Augas é inxusta, ten un claro afán recadatorio e só a presión cidadá conseguirá que non se chegue a aplicar.
Trátase dunha Lei nacida pola porta de atrás e enxendrada de costas aos veciños e aos Concellos. Aprobouna o PP en solitario a base de rodillo parlamentario e desoíndo recomendacións do Consello Económico e Social e rexeitando as emendas da oposición, empresarios, sindicatos e ecoloxistas.
O princial obxectivo desta Lei non é medioambiental, é recadatorio. A propia memoria económica da norma prevé duplicar os ingresos por este concepto pasando de 34 millóns a 68 millóns de euros. Esa diferenza sairá fundamentalmente dos petos das e dos contribuíntes.
A partires de agora, pagarase polo consumo da auga real ou potencial con independencia da súa procedencia (rede pública ou privada), subtituíndose o antigo "canon do saneamento" por dous novos tributos: o "canon da auga", que pagarán todas as persoas que se abastezan de redes públicas, de traídas comunais ou de pozos particulares, e o "coeficiente de vertido" que se aplicará aos que vertan auga a unha depuradora xestionada pola Xunta de Galiza e que na práctica implicará multiplicar o "canon da auga" por dous