O GOBERNO CENTRAL ADMITE QUE TRÁFICO RECADA EN GALIZA DEZ VECES MÁIS DO QUE DESTINA A SEGURIDADE VIARIA

O GOBERNO CENTRAL ADMITE QUE TRÁFICO RECADA EN GALIZA DEZ VECES MÁIS DO QUE DESTINA A SEGURIDADE VIARIA

O BNG cre que as altas percepcións son o motivo das "reticencias" do Executivo de Zapatero á transferencia das competencias nesta materia

En resposta a unha pregunta do portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, o Goberno recoñece que a recadación da Dirección Xeral de Tráfico en Galiza é dez veces superior ao que inviste no noso país en seguridade viaria.

En concreto, segundo os dados do Goberno referidos ao último ano disponíbel, o 2007, os investimentos de Tráfico en seguridade viaria en Galiza ascenderon a 3.100.248 euros. Pola contra, a recadación do Goberno por infraccións ascendeu no mesmo ano a 32.071.731 euros.
Ademais, a información do propio Goberno desvela que “nos últimos tres anos o investimento de Tráfico en medidas de seguridade viaria en Galiza diminuíu mentres que a recadación medrou”, denuncia o BNG.
Así, o investimento en seguridade viaria pasou de 3.378.450 euros en 2005 a 3.100.248 euros en 2007. Pola contra, a recadación da dirección xeral de Tráfico no noso país medrou nos últimos tres anos, pasando de 27.322.921 en 2005 a 32.071.731 euros o pasado ano.




Transferencia de competencias


Ante isto, Francisco Jorquera dixo que “esperamos que as constantes reticencias do Goberno central a transferir Tráfico e Seguridade Viaria a Galiza non teñan que ver con esta situación”.
Ademais, o nacionalista considera que “esta situación é inadmisíbel: non é de recibo que cando Galiza sofre un dos índices de sinistralidade viaria máis elevados do Estado, o Goberno Central recoñeza que o investimento en seguridade viaria non só non medrou, senón que diminuíu, mentres que a recadación se incrementou en todas as provincias galegas”.
O portavoz do BNG subliña que Galiza precisa “dunha policía propia que dea resposta a unha realidade, a problemática do tráfico en Galiza é moi diferente: poboación dispersa; rede moi densa de estradas secundarias, con trazados sinuosos, numerosos cruces e travesías; alta porcentaxe de poboación que vive no rural; elevada pluviosidade ou a orografía accidentada.”

Neste sentido, lembra que “o Goberno Central segue facendo ouvidos xordos ao acordo unánime do Parlamento Galego demandando a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria a Galiza, houbo un compromiso do anterior ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, de transferir a Galiza esta competencia”.

“Esperemos que as continuas reticencias do Goberno Central as transferir a Galiza as competencias de Tráfico e Seguridade Viaria non teñan que ver con estes contundentes dados sobre a recadación de Tráfico en Galiza e os investimentos en seguridade viaria no noso país”, concluiu Jorquera.

O GOBERNO CENTRAL ADMITE QUE TRÁFICO RECADA EN GALIZA DEZ VECES MÁIS DO QUE DESTINA A SEGURIDADE VIARIA