GALIZA NOVA OPONSE AO ANTEPROXECTO EN MATERIA DE DROGODEPENDENCIAS E OUTROS TRASTORNOS ADITIVOS!

GALIZA NOVA OPONSE AO ANTEPROXECTO EN MATERIA DE DROGODEPENDENCIAS E OUTROS TRASTORNOS ADITIVOS!

Hoxe Galiza Nova, mocidades do BNG, amosamos a nosa disconformidade a respecto do Anteproxecto de Lei Integral en materia de drogodependencias e outros trastornos aditivos presentado pola Consellaría de Sanidade e anunciamos que presentaresmos alegacións. Na nota enviada á prensa Galiza Nova considera que este anteproxecto d Lei ten un marcado carácter prohibicionista e defendemos que se modifique o texto para que saia do diálogo e a negociacion con todos os axentes implicados, especialmente a xente nova.


Galiza Nova considera que, sendo esta unha Lei tan importante para a sociedade galega, o procedemento seguido para o debate do seu anteproxecto non é o acaido, xa que o prazo para poder facer achegas ou aportacions foi tan só de 15 días dentro dos cais varios non foron hábiles por coincidir coa Semana Santa, restrinxindo a participación dos colectivos sociais implicados.

Ademais este anteproxecto, nas reunións sectorias previas a facelo público, non foi apresentado por escrito feito que imposibilitou que a nosa organización, xunto con outras que asistiron non puideran posicionarse ao respecto, cuestión esta que contradí as declaracións feitas en diversos medios de comunicación pola Consellaría de Sanidade afirmando que contaba co beneplácito de diversos colectivos.

Proxecto de marcado carácter prohibicionista
A respecto do contido do Anteproxecto de Lei consideramos que é un texto cun marcado carácter prohibicionista e que non afronta as cuestións dende un debate amplo, profundo e desprexuizado. No mesmo, adquire especial repercusión o fenómeno do botellón. Dende Galiza Nova cremos que se está a deturpar un fenómeno coma este, magnifícando e culpabilízando a milleiros de mozos/as asociando o ‘botellón’ con problemas que non son nin exclusivos, nin incluso inherentes ao propio fenómeno.

Dende Galiza Nova non podemos aceptar, como aparece no Anteproxecto, a vinculación directa ou a relación causa-efecto que se pretende estabelecer entre o fenómeno do ‘botellón’ e o alcoholismo como problema de saúde pública. O fenómeno do ‘botellón’ dá cabida a mozos e mozas que non consumen alcohol, aos que o consumen responsabelmente e aos que o fan irresponsabelmente. Polo tanto o problema do alcoholismo é independente do lugar, hora ou dos fenómenos nos que se manifeste. Por iso, cremos que as políticas de saúde pública que debe regular a futura Lei, deben ir dirixidas ao consumo de alcohol en xeral, sen asocialo a ningún ámbito ou fenómeno en particular.

Partindo do anterior, para a nosa organización, é evidente que propostas como a limitación de horarios para a venda de alcohol en tendas, a prohibición do seu consumo na rúa e outros espazos, etc… son falsas solucións que só revelan a hipocresía que supón distinguir entre consumos malos e penalizábeis (o do ‘botellón’, por exemplo) e consumos bos e asumidos socialmente (en locais de hostalaría, no ámbito privado,…).

Por todo isto Galiza Nova amosa a súa oposición a este proxecto de Lei e apresentaremos diversas alegacións, do mesmo xeito que procuraremos establecer mecanismos para que estas modificacións e o sentir maioritario da mocidade galega se teñan en conta por parte da Consellaría de Sanidade, para a elaboración da Lei e para que esta poida acadar un maior apoio social e respaldo por parte da mocidade galega.

GALIZA NOVA OPONSE AO ANTEPROXECTO EN MATERIA DE DROGODEPENDENCIAS E OUTROS TRASTORNOS ADITIVOS!