Comunicado da executiva do BNG: FEIJÓO DEBE DIMITIR
03 abr. 2013 - 17:42
propio Feijóo, aínda que aluda a unha relación indirecta a través dun compañeiro de traballo, Manuel Fernández Cruz.
2. Marcial Dorado xa fora daquela detido en dúas ocasións (a última en 1990, no marco da operación Nécora, con ampla difusión mediática) por delitos de contrabando e branqueo de capitais. Nesa altura xa estaba sendo investigado por narcotráfico, razón pola que foi detido e encarcerado en 2003 e condenado.
3. Nos anos 80 todo o mundo sabía en Galiza do contrabando de tabaco nas rías galegas. E nos 90, que as redes do tabaco xa se estaban utilizando para o narcotráfico. E tamén era vox
pópuli a boa sintonía entre ese mundo e o PP. Condenados arrepentidos como Manuel
Fernández Padín, en particular, recoñecen que nesa época todo o mundo en Galiza sabía a
que se dedicaba cada un porque ao primeiro os que facían cartos co contrabando de tabaco
pasáronse ao haxix e á cocaína, mentres seguían compartido mesa e mantel cos políticos da
época e tamén que as relacións entre contrabandistas e políticos eran moi fluídas nunha
época en que a conivencia e permisividade sobre o contrabando a coñecía toda Galiza.
Incluso Laureano Oubiña recoñeceu publicamente ter financiado a AP e UCD.
4. Núñez Feijóo tiña 34 anos en 1995 (como se adoita dicir, xa era un home feito e dereito) e non era un ninguén: era o número 2 de Sanidade, o home de confianza de Romay Beccaría. E
mantiña relacións de amizade cun capo como Marcial Dorado; con Manuel Fernández Cruz,
chófer da Xunta e socio dunha empresa subministradora de combustíbel e home de palla de
Dorado; ou con Evaristo Juncal, ex-xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, que
dimitiu tras revelarse os seus negocios con homes de palla do narcotráfico.
5. A persoa que mantiña relacións de amizade cun capo do narcotráfico e os seus homes de palla é a mesma que ocupa agora a presidencia da Xunta. É un feito moi grave. Non pode alegar torpeza, inxenuidade, ignorancia e xuventude e ficar tan pancho.
6. Feijóo nega tallantemente que asinara ningún contrato ou concesión con ningunha empresa
relacionada con Dorado. Curiosa tanta rotundidade en alguén coas responsabilidades de
Feijóo durante tantos anos, 20 anos máis tarde, os mesmos que lle serven para escusar os
seus esquecementos sobre as viaxes con Marcial Dorado! Aínda que así for, iso non o exime
de que se rodeara durante, cando menos catro anos, con máximos dirixentes das redes
delitivas en Galiza. Un construtor sen causa penal ningunha foi cualificado por el mesmo como
malas compañías. Cualificaría Feijóo as súas propias amizades como perigosas? As
amizades perigosas do actual presidente da Xunta coinciden coa etapa do imputado na Gürtel Pablo Crespo á fronte do financiamento dos populares galegos. Rajoy foi presidente de AP de Pontevedra e da Deputación provincial en pleno apoxeo do contrabando en que estiveron implicados alcaldes e dirixentes conservadores. (Público, http://www.publico.es/452984/lasfotos-de-feijoo-con-dorado-alientan-nuevas-sospechas-de-financiacion-ilegal-del-pp)
7. As explicacións de Feijóo son inverosímiles e presentan debilidades en todas as liñas
argumentais:
1. Como é posíbel que recoñecese que o chofer Manuel Cruz era un home de palla de Marcial
Dourado e ao mesmo tempo descoñecese as actividades delituosas deste?
2. Como é posíbel que recoñeza unha relación estreita e ao mesmo tempo negue o
coñecemento das actividades do narcotraficante cando o acompañaba en viaxes a sitios
tan sospeitosos como Andorra, onde está demostrado que branqueaba capital?
3. Como é posíbel que Feijóo non soubese da actividade policial que perseguía o narcotráfico
nos anos oitenta e noventa, época da Operación Nécora entre outras, e non relacionase as
actividades de Marcial Dorado con estes feitos?
4. Como é posíbel que non lle chegasen noticias do impacto terríbel da droga entre os mozos
e mozas galegas e as súas familias durante eses anos e non o relacionase coas persoas
que organizaron as redes de tráfico de drogas sobre a base das do contrabando?
8. Aínda no remoto caso de que, efectivamente, Feijóo fose un ignorante e un inxenuo e aos seus 34 anos cometese unha torpeza, iso non o exime das súas responsabilidades. Non estamos falando de fumar un porro ou relacionarse con rapaces malotes aos 16 anos. Seguramente tamén en Sicilia ou en México os políticos, de novos, pequen de inxenuos e torpes...
9. As fotos publicadas mostran que a corrupción e a falta de ética no exercicio da política afectan a todos os niveis e figuras do Partido Popular. Abranguen prácticas de financiamento ilegal (caso Bárcenas), utilización en proveito propio das institucións (como Conde Roa no Concello de Santiago) e tamén, relacións de amizade de políticos do máximo nivel con persoas vinculadas ao contrabando e ao narcotráfico.
10. En calquera país que vive na normalidade democrática, o presidente comparecería diante do Parlamento, perante das/os representantes da cidadanía, para dar conta das circunstancias que rodean a publicación desta información. En vez de seguir a práctica democrática, o presidente intenta pechar a cuestión cun comunicado para os medios e unha rolda de prensa.
11. A única saída digna que lle queda ao presidente é a dimisión. A mesma medida que Feijóo esixiu a outras persoas das que se publicaron fotos que presuntamente os relacionaban con empresarios, sabendo que estas persoas nese momento non tiñan ningún cargo político e cualificando o empresario 'malas compañías', sen motivo ningún.
12. Noutros países e en circunstancias moito menos graves, as/os representantes políticas/os
acostuman dimitir: en Alemaña dimitiu unha ministra ao ser acusada de plaxiar unha tese, no
Reino Unido dimitiu un ministro por mentir sobre unha infracción de tráfico. É isto comparábel
con que se demostre graficamente que o presidente da Xunta mantivo relacións de amizade
cun contrabandista e narcotraficante nunhas circunstancias que fan case imposíbel que
descoñecese as actividades de Marcial Dorado?
O BNG pedirá a comparecencia de Feijóo en sede parlamentaria e a súa dimisión como único
xesto democraticamente asumíbel nestas graves circunstancias.