O BNG VOTA EN CONTRA DO TRATADO DE LISBOA E PEDE "UN CAMBIO DE RUMBO NA UE"

O BNG VOTA EN CONTRA DO TRATADO DE LISBOA E PEDE "UN CAMBIO DE RUMBO NA UE"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, explicou esta mañá no Pleno da Cámara Baixa as razóns fundamentais da oposición dos nacionalistas galegos ao Tratado de Lisboa e pediu “un cambio de rumbo da UE”.

“Precisamente para facer posíbel ese cambio de rumbo votaremos non á ratificación deste Tratado”, argumentou o deputado do BNG.

O portavoz nacionalista fixo a súa intervención despois de escoitar a pouco estensa presentación do Tratado por parte do Ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos.

Francisco Jorquera comezou cunha breve referencia ás últimas decisións da UE en materia de inmigración e en materia laboral para sinalar que “son síntomas que engadidos a outros fan que a Europa social se bata en retirada”. Subliñou que “é preciso discernir entre a Europa virtual e a real. O BNG está a favor dunha Europa social, dunha Europa máis democrática, dunha Europa que se constrúa desde o respecto e o artellamento de toda a súa diversidade nacional”.

Cidadáns supeditados á economía
Porén, subliñou, o Tratado de Lisboa vai noutra dirección e “por iso coidamos que é preciso un cambio de rumbo”. Criticou o feito de que a construción europea estea supeditada á defensa dun modelo económico “obsesionado por supeditar calquer outra consideración ás reglas da competencia”. “Non estamos a favor do sometimento das persoas ao mercado, pensamos que a economía ten que estar ao servizo das persoas”.

Ataque aos dereitos sociais
Censurou o Tratado porque supón un “novo avance no ataque aos dereitos laborais” da que é boa mostra a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE que “progresa nunha dirección de desprotección dos traballadores como é o despido sen causa xusta”.

Défices democráticos
Ademáis, indicou Jorquera, “este Tratado posúe importantes défices democráticos porque pretende retomar o Tratado Constitucional derrotado polos resultados dos referéndums en Franza e Holanda”. Asemade, afirmou que concede un papel menor ao Parlamento Europeo ao “transferir como norma a iniciativa lexislativa á Comisión en detrimento do Parlamento”. O outro défice sitúase tamén na Carta de Dereitos Fundamentais que “está a anos luz non só da Declaración Universal dos Dereitos dos Homes senón da propia Constitución española e da Carta Europea de Dereitos Sociais”.

De costas á diversidade nacional
Sen esquecer, que o BNG aspira a unha Europa que recoñeza toda a diversidade nacional, lingüística e cultural que a conforma. “Unha Europa dos pobos e non dos Estados”. Pero o Tratado só recoñece aos Estados como suxeitos de dereitos políticos, non se recoñecen os dereitos dos pobos”.

No lingüístico, a UE “ignora a Carta europea de Linguas Minoritarias ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos”. Criticou que só se asuman como linguas oficiais as dos Estados.

No que atinxe á OTAN, salientou que no Tratado se establece que “a OTAN é o fundamento para a defensa colectiva dos seus Estados membros e a instancia apropiada para concretala o que condena a Europa a una papel subalterno”.

O BNG VOTA EN CONTRA DO TRATADO DE LISBOA E PEDE "UN CAMBIO DE RUMBO NA UE"