O BNG reclama axudas directas ao sector agrogandeiro, "igual que se gastan millóns de euros na banca"
16 nov. 2011 - 18:08
María Xosé Vega destaca as propostas do BNG para crear un fondo lácteo de 150 ME que sufrague explotacións que teñen quen pagar cuota e desgravación e axudas fiscais
Guillerme Vázquez reclamou esta mañá nun encontro con representantes do sector agrogandeiro en Lugo políticas xustas para o sector agrogandeiro galego, castigado durante tantos anos e perguntou por que se non se dan axudas directas a este sector igual que se dan millóns de euros á banca?.
O líder nacionalisra dixo que a chave para que o sector teña futuro é a súa defensa política e insistiu en que só está garantida da man do BNG.
"Coas políticas de PP e PSOE o único que podemos facer é convertir o rural nunha especie de gran safari"O portavoz nacional fixo un repaso polas políticas de PP e PSOE neste eidoque entregaron o sector agrogandeiro como se fose a cabeza do Bautista, mentres o BNG cre neste sector como estratéxico porque cremos en Galiza e nos galegos.
Defendimos o sector en solitario, mentres nos dicían que era antigo e obsoleto, continuou, pero é tan moderno facelo na Galiza como en Dinamarca.
Guillerme explicou que a orixe dos problemas debemos buscala na integración española na UE, momento en que PP e PSOE non pelexaron por modificar as condicións. Como consecuencia disto chegamos á situación actual sobre a que o portavoz nacional se preguntou por que os gandeiros galegos cobran prezos máis baixos que a media estatal e europea? Por que non se dan axudas directas ao sector mentres se dan centos de millóns á banca?
O líder nacionalista dixo que a Ministra e o Conselleiro do ramo teñen que explicar por que nin sinten nin padecen ante esta situación, ao tempo que salientou que chegar Feijóo e baixar os prezos foi todo un.
Segundo un estudo publicado hoxe, o 60% da poboación considera negativa a xestión do goberno Feijóo, revelou Guillerme, se é así, a única posibilidade é votar alternativa galega e de esquerdas.
No coloquio posterior cos gandeiros e agricultores, Guillerme defendeu políticas alternativas e ironizou afirmando que coas políticas de PP e PSOe podemos convertir a Galiza e o seu rural nunha especie de gran safari.
MARÍA XOSÉ VEGA
A cabeza de lista por Lugo destacou o papel que xogará o vindeiro goberno do Estado na negociación da PAC (Política Agraria Común) e salientou a importancia de que o BNG teña forza en Madrid para lle dar a volta á situación actual na que en tres décadas Lugo perdeu o 15% da poboación e pode perder aínda un 5% até 2019.
Mil explotacións lácteas pechan todos os anos en Galiza, explicou, polo que reclamou o apoio ao BNG para presionar nas vindeiras Cortes estatais. Xogámonos, por exemplo, 5.000 ME en axudas, explicou. Na actualidade, recibimos o 3% do total, mentres o sector supón o 10% do sector no Estado.
Para conseguir cambiar esta situación, a candidata nacionalista destacou que nin PP nin PSOE teñen unha soa proposta no seu programa electoral, pero o BNG si. A primeira delas é crear un fondo lácteo de 150ME para sufragar as explotacións que teñen que pagar préstamos para sufragar a cuota que teñen. A segunda consiste en desgravacións e axudas fiscais. Con estas medidas, tal e como salientou, queremos apoiar o rural porque os problemas do País son os problemas do BNG.