O BNG QUER QUE A RELACIÓN DE GALIZA CO ESTADO SE IGUALE Á DE EUSCADI E CATALUÑA

O BNG QUER QUE A RELACIÓN DE GALIZA CO ESTADO SE IGUALE Á DE EUSCADI E CATALUÑA

O vicepresidente considerou necesaria esta reforma ante os novos retos que se presentan, como o financiamento autonómico, as medidas fronte á desaceleración económica ou o seguimento das infraestruturas

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe pola colaboración institucional co novo Goberno do Estado dende unha relación bilateral. No Pleno da Cámara galega, Quintana anunciou que fará unha proposta a todos os grupos parlamentares para que se modifique o regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación, de xeito que, entre outras cousas “poida ser útil non só para facer un seguimento das infraestruturas, no mellor sentido da colaboración e non da fiscalización, senón tamén para que se poidan abordar conxuntamente co Estado os retos que se aveciñan diante da nova situación económica, ou para que poidamos facer propostas conxuntas ante temas como o do financiamento autonómico”. O vicepresidente galego afirmou que ese é o camiño, entre outras cousas, que permitirá igualar a Galiza con Euskadi e Cataluña, que contan xa con este instrumento, e engadiu que “estes son os grandes consensos aos que estamos chamados para fortalecer a posición de Galiza como país”.

En resposta a unha pregunta do Grupo do Partido Popular sobre a designación de Magdalena Álvarez ao fronte da carteira de Fomento, o vicepresidente dixo que a súa misión no Goberno galego “non é facer unha defensa dos ministros do Goberno central, senón ter sempre que sexa posible a mellor colaboración institucional con novo Executivo, ao igual que se fixo co anterior”.

Malia isto, pediu “xustiza equitativa” por parte dos populares “que só se acordan do Plan Galiza para facer propaganda” pero que logo o seu líder esquece durante os discursos máis importantes, como os debates televisivos da campaña. No mesmo sentido de falta de equidade, lembrou que no ano 2003 “o Goberno do Estado investiu en Galiza 762 millóns de euros, un esforzo inxente que o Executivo Fraga premiou coa concesión da Medalla de Galicia a Cascos”. Agora, no 2008, cunha consignación orzamentaria de 2.005 millóns, “pretenden inhabilitar cando antes daban medallas”, apostilou. Fronte a isto, Quintana chamou á colaboración institucional ante o novo nomeamento, indicando que “polos seus feitos os coñeceremos”.

Quintana apuntou que os deputados do BNG “tiveron oportunidade de censurar unha ministra, a un mes de rematar a lexislatura e por feitos acontecidos en Cataluña e non en Galiza, ou aproveitar a oportunidade para mellorar o autogoberno de Galiza e empezar a construír unha rede pública de benestar en todo o país, e optamos polo segundo”. Neste senso, debullou os froitos desta decisión que, segundo dixo, ten servido para que se estean a rematar e se liciten centros de día en todo o país, “polo que o PP non debería desprezar os resultados”.

Na mesma liña, Quintana tamén asegurou ao voceiro popular que “do que pode estar seguro é de que dende a humilde representación do BNG e cada vez que teñamos oportunidade de que os nosos votos sirvan para decidir, iso repercutirá en beneficios para Galiza de xeito directo”.

O BNG QUER QUE A RELACIÓN DE GALIZA CO ESTADO SE IGUALE Á DE EUSCADI E CATALUÑA