O BNG propón compensar ao sector leiteiro con cargo á Política Agraria Común

O BNG propón compensar ao sector leiteiro con cargo á Política Agraria Común


O BNG propón un fondo con cargo á Política Agraria Común que compense ao sector do leiteiro pola desaparición do sistema de cotas en 2015. 

Unha PAC sustentable, que garanta unha alimentación de calidade e fixe poboación ao territorio
O BNG solicita a creación dun fondo de compensación con cargo aos orzamentos da Política Agraria Común (PAC) 2014-2020, que o Plenario da Eurocámara aprobará a próxima semana en Estrasburgo, para compensar ao sector leiteiro pola supresión do sistema de cotas en 2015, que implica unha liberalización da produción que terá unha repercusión negativamente xa nuns prezos do leite moi precarizados.
Baixar de 300.000 a 100.000 € a axuda directa máxima por explotación para evitar que os grandes latifundios acaparen o orzamento da PAC
A contía dese fondo habería que negociala co sector leiteiro, pero debe ter a dobre función de compensar ás explotacións que se endebedaron para adaptarse a un sistema que agora desaparece e, por outro lado, frenar a inestabilidade dos prezos do leite que en Galiza están por debaixo da media estatal e, con frecuencia, por debaixo dos custes de produción, explicaron en rolda de prensa a eurodeputada Ana Miranda durante a presentación da posición do BNG sobre a PAC, xunto coa portavoz de Agricultura, Tereixa Paz.
“Para a distribución dese fondo hai que ter en conta o emprego que xera cada explotación e a función social de fixar poboación ao territorio”, indicou Paz, tras salientar que os gandeiros galegos “compraron cota que agora perde o seu valor con gran carga financeira”.
Tamén propón cambios na distribución das axudas da PAC para que resulten “máis beneficiosas” para o sector agrario galego, posto que a día de hoxe o 20% das explotacións acaparan o 80% do orzamento. En concreto, o BNG defende na Eurocámara que a axuda máxima directa por explotación pase dos 300.000 euros actuais a 100.000 euros.
“Esta medida só afectaría aos grandes terratenentes ou empresas do sector agrario con miles de hectáreas, pero permite aforrar 4.800 millóns de euros que se poden destinar as pequenas e medianas explotacións”, salienta Miranda. Igualmente, o BNG propón non vincular as axudas ao número de hectáreas, que os pagos directos se destinen só a agricultores activos, e apostar por subvencións de ata o 30% para as explotacións que desenvolvan unha agricultura sustentable.
 Incrementos do 25% das axudas para fomentar a incorporación da xente nova á actividade agraria
Para fomentar a renovación do sector, a eurodeputada nacionalista defende que as subvencións para a xente nova que se inicia na actividade agraria sexa un 25% superior durante os dous primeiros anos. Ademais, é preciso “recortar as desigualdades” actuais na distribución de subvencións entre países “ata que non haxa diferencia entre as axudas que recibe un galego, 126 euros por hectárea, ás que reciben a media dos produtores da UE, que ascende a 264 euros”.
O BNG defende a continuidade dos dereitos de plantación ata 2030, porque garantiza unha produción de calidade e de man de obra intensiva para o sector vitivinícola galego, “e o protexe de que empresas foráneas acaparen hectáreas para plantación de uva para un produto de escaso valor engadido e con menor emprego”, salienta.
Paz fixo fincapé a “función social, ambiental e territorial do sector agrario, de aí a importancia do paquete normativo que se aprobará na Eurocámara”.
A Política Agraria Común é, desde o punto de vista orzamentario, a máis importante da UE, e está integrada por un paquete normativo de 4 documentos que serán aprobados a vindeira semana no Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo. Con eles se marca a folla de ruta para o sector agrario galego para o período 2014-2020.

O BNG propón compensar ao sector leiteiro con cargo á Política Agraria Común