O BNG PRESENTA UN PLAN DE DINAMIZACIÓN CON INVESTIMENTOS POR 212 MILLÓNS PARA CONVERTER O RURAL NIN DOS EIXOS DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA

O BNG PRESENTA UN PLAN DE DINAMIZACIÓN CON INVESTIMENTOS POR 212 MILLÓNS PARA CONVERTER O RURAL NIN DOS EIXOS DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou hoxe polo medio rural como “un eixo central das políticas de reactivación e impulso económico para facer fronte á desaceleración”. O vicepresidente presentou hoxe, xunto co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o Plan de Dinamización Económica do Medio Rural, unha estratexia deseñada dende a Consellería que pretende capitalizar o medio rural para fortalecer o conxunto da economía galega comprometendo un volume de recursos públicos de 212,4 millóns de euros para o 2008.
Segundo explicou, este modelo está fundamentado na idea que de que Galiza “é un país con potencia produtiva”, polo que é preciso “traballar en rede para consolidar as condicións e o ambiente propicio para materializar esta potencia produtiva en fórmulas sólidas de economía produtiva, dando o salto dende a economía con pés de barro á economía con valor social”.
En segundo termo, Quintana amosou o seu convencemento en que “contamos co territorio como un aliado esencial para dar densidade a este traballo en rede”. Trátase, segundo dixo, de combinar harmonicamente as capacidades dos espazos urbanos coas oportunidades que se presentan no medio rural, “para que os dous escenarios tiren da economía do país”. “Temos que saberlle dar valor positivo á nosa configuración física, á nosa localización e á nosa articulación política, económica e social no eixe europeo”, engadiu. En palabras de Anxo Quintana, “o medio rural non pode ser o cadrante ausente na definición de respostas que contribúan a sortear as inquedanzas económicas actuais”. Neste senso, asegurou non estar de acordo coa afirmación de que cando hai crise no medio rural vai haber máis crise. Lonxe deste argumento, asegurou que dende o Goberno Galego “cremos nas potencialidades do medio rural: económicas, ambientais, identitarias, sociais, e por iso estamos articulando unha estratexia que aproveita todo o seu potencial endóxeno para facer del un espazo vivo, emprendedor e valente, en constante renovación, ilusionante, moderno e eficaz”.

Programa de actuacións
As liñas de acción se traballa dende a Consellería do Medio Rural, e que supoñen un plan de investimentos de máis de 212 millóns canalízase a través dunha estratexia dobre. Trátase, por unha banda, de acelerar o investimento en obra pública como mecanismo de contención do desemprego e de impulso á actividade económica nas comarcas rurais. Por outro lado, búscase mobilizar recursos para apoiar e fortalecer a iniciativa privada de emprendedores e pequenas empresas na dinamización económica do rural en Galiza.
Así, explicou que incidirá no impulso das dinámicas de fixación demográfica e relevo xeracional nas actividades produtivas; na diversificación da economía rural, para xerar novas oportunidades de emprego e fontes de renda; na mellora dotación de servizos, infraestruturas e equipamentos para incrementar a calidade de vida nas áreas rurais, reforzar o tecido social e crear un entorno máis favorable para o repunte das actividades produtivas; permitirá o mellor aproveitamento das potencialidades múltiples que se derivan da posta en valor dos recursos naturais e da ordenación integral do monte; e redundará no fortalecemento da composición do tecido produtivo, impulsando a cultura emprendedora e apoiando a implantación de novas actividades económicas.

Xestión forestal sustentable e rendible
En canto aos ámbitos de actuación do Plan, Quintana sinalou en primeiro lugar o impulso da xestión forestal sustentable e rendible, un obxectivo ao que se destinan 75,5 millóns de euros en investimentos. O vicepresidente apuntou que no marco da política de prevención de incendios forestais, valorización e diversificación do monte, estanse poñendo en marcha diferentes obras e actuacións de repoboación, tratamentos silvícolas, creación de infraestruturas, mellora da accesibilidade en camiños forestais e control da biomasa forestal. “Trátase de aproveitar as oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece a ordenación integral da cuberta forestal galega”.

Infraestruturas e estruturas
O segundo campo de acción refírese a infraestruturas e equipamentos no rural, ao que se destinan 116,6 millóns de euros. Quintana sinalou que se está a realizar un esforzo sen precedentes no incremento das infraestruturas e equipamentos no rural, como puntais de modernización produtiva e transformación económica do territorio, impulsando a competitividade, o emprego, a calidade de vida e a accesibilidade económica e física no País. Nesta liña específica de actuación invístense máis de 56,8 millóns.
Quintana recalcou que o Plan tamén quere incidir na optimización das infraestruturas do sector vitivinícola galego, con actuacións que impliquen melloras na rede de acceso a viñas, o impulso da mecanización e a introdución de tecnoloxías e o redimensionamento das explotacións vitícolas. Nestas actuacións investirase un total de 12 millóns de euros, con liñas de acción nas 5 Denominacións de Orixe, para “corrixir o déficit histórico que arrastra un sector tan decisivo para Galiza como é o do viño”.
Outra das actuacións céntrase na mobilización do capital territorial, co obxectivo de incrementar a dimensión das explotacións agrogandeiras e mellorar a vertebración territorial e socioeconómica de Galiza. Ao longo de 2008, o vicepresidente explicou que se van acelerar e dinamizar os procesos de concentración parcelaria, incidindo de forma especialmente intensa naquelas zonas que presentan maiores dificultades para a súa materialización. A intervención abranguerá 165 zonas de concentración parcelaria nun total de 87 concellos galegos (270 actuacións) e terá un investimento de 47,8 millóns.

Incentivar o emprendemento
O terceiro alicerce no Plan deseñado pola Consellería do Medio Rural busca incentivar os proxectos económicos de dinamización, emprendemento e a diversificación económica no rural, para o que se prevé un orzamento de 20,2 millóns. Trátase de apoiar de forma decidida aos proxectos emprendedores que partan da iniciativa privada e do tecido asociativo galego e que teñan como obxectivo contribuír á revitalización demográfica, á diversificación económica, á creación de emprego e a mellorar a calidade de vida nas áreas rurais.

Outros fondos
Quintana explicou que á marxe destes créditos, consignados nos Orzamentos da Consellería do Medio Rural, Galiza dispón doutros fondos públicos (fondos comunitarios) que inciden no desenvolvemento económico do Medio Rural en Galiza. Supoñen un total de 87,3 millóns para o impulso de dúas actuacións, a liña de axudas ao tecido agroindustrial galego tanto para a implantación de novas empresas como para a mellora e o impulso das existentes, con máis de 24 millóns no 2008, e o enfoque Leader e Agader.

Ao termo da súa intervención, Quintana asegurou que “este Plan de investimentos vai ser o carburante que mova a maquinaria da economía rural en Galiza, un novo compromiso co medio rural de Galiza, co benestar dos galegos e galegas, e unha proba de axilidade e anticipación para minimizar o impacto e os síntomas da desaceleración económica”.

O BNG PRESENTA UN PLAN DE DINAMIZACIÓN CON INVESTIMENTOS POR 212 MILLÓNS PARA CONVERTER O RURAL NIN DOS EIXOS DA REACTIVACIÓN ECONÓMICA