O xulgado desautoriza o concello de Santiago e dá os permisos necesarios para o normal desenvolvemento da manifestación do Día das Letras Galegas
16 maio 2012 - 17:05
Non só é un ataque contra a liberdade de opción lingüística, é un ataque contra a liberdade de expresión.
Queremos Galego chama a Parar os ataques contra o galego, logo desta nova agresión contra a nosa lingua.
Representantes da Plataforma unitaria Queremos Galego comparecían esta mañá en conferencia de imprensa para denunciar a actitude do concello de Santiago que, con tan só 48 horas de antelación á manifestación convocada para mañá, Día das Letras Galegas, comunicaba a denegación dos permisos necesarios para o normal desenvolvemento da mesma. Isto obrigou a plataforma a presentar un recurso pola vía de urxencia no contencioso-administrativo. A xustiza concedeu todas as autorizacións pertinentes.
A Plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, convoca a manifestación baixo o lema Paremos os ataques contra o galego. Un lema que, segundo explicou Carlos Callón, o seu portavoz, é hoxe especialmente acaído porque onte mesmo tivemos novos exemplos, mesmo sen precedentes, como o feito de que o concello de Santiago de Compostela tentase obstaculizar, en todo o que son competencias municipais, que esta mobilización se poida desenvolver.
O concello de Santiago emitiu, a 48 horas da celebración dunha manifestación que se agarda que sexa multitudinaria, unha resolución denegando os permisos para colocar un palco e unha faixa informativa na Alameda, so pretexto de que coincidía coas festas da Ascensión. Denegaba tamén a posibilidade de ter amplificación para as intervencións no acto de feche. Isto último, xa sen indicar motivo algún.
Nos 26 anos de historia da Mesa nunca nos encontramos cunha resolución semellante, tan disparatada, afirmou Callón, quen asegurou que é un ataque á liberdade de expresión, non só un ataque á liberdade de opción lingüística. Un ataque a que haxa na nosa sociedade diversidade de opinións.
O portavoz da Plataforma explicou que, unha vez recibida a resolución municipal, que cualificou de arbitraria e inxusta, presentouse perante os tribunais un recurso. A resolución xudicial recoñece o dereito a finalizar o acto co palco e coa megafonía e a pór unha faixa informativa, considerando que, do contrario, se producirían danos irreparábeis. O que fan os tribunais é devolver a normalidade.
Para Callón, o feito de o Concello agardar a que ficasen tan só 48 horas para a celebración da manifestación denota a vontade de facer mal do goberno do Sr. Angel Currás, herdeiro, nas formas, do que foi o período de mandato de Conde Roa e, no fondo, no seu desprezo á lingua e cultura galega e ás normas de convivencia.
Carlos Callón considerou tamén disparatado tratar de xustificar este intento de coutar a liberdade de expresión por mor das festas da Ascensión cando, lembrou, nin é a primeira vez que coinciden, nin será a última. A culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporaneo monolingüe en galego un 17 de maio, brincou.
Por iso, fixo un chamamento a reaxir ante estes obstáculos antidemocráticos e a que todos os que temos sensibilidade polo noso idioma, mesmo con independencia da lingua que utilicemos no noso dia a día, participemos mañá nesta mobilización social, para dicirmos alto e claro: Non no noso nome!; para dicirmos alto e claro: Hai que deter estes ataques contra o idioma que nos une, que nos identifica!
Denunciou, ademais, os impedimentos a través da Xunta de Galiza para utilizar o galego con normalidade nos xulgados; a prohibición de que se poidan impartir determinadas materias en galego no ensino; que se estea a varrer o galego da educación infantil das nosas cidades e que se dilapiden cartos públicos, máis de catro millóns de euros, segundo as estimacións máis baixas, tirando libros de texto só por estaren en galego.