"Agora os galegos e galegas temos o reto de dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo"

"Agora os galegos e galegas temos o reto de dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo"


O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin no pavillón dos Remedios no que tamén interviron o tenente de alcalde, Alexandre Sánchez Vidal, a número dous, Tereixa Paz, e o cabeza de lista por Ourense, Alfredo Suárez Canal.
O número un nacionalista iniciou a súa intervención na súa “querida cidade de Ourense” pedindo o voto para o BNG e animou a todos e todas a enfrontar o reto do día 1, “dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo”.
O candidato lamentou que Galiza fose desde sempre un país “con dúas velocidades” no que o interior “non ía a unha velocidade inferior, senón marcha atrás” e anunciou que o BNG naceu “para cambiar a historia do país en beneficio dos cidadáns, fomos fideis á nosa historia”.

“Somos o produto dunha xente que sabía que para un país é necesaria unha forza política propia, para ser nación, un país ten que ter unha forza política propia como instrumento de defensa de benestar e de avance”, dixo.
O número un do BNG aludíu na súa intervención a Florentino Cuevillas, cabeza da xeración Nós, cando afirmaba que “Galiza ten unha certa vocación ao suicidio” en alusión ao feito de que “nunha terra coma ésta o caciquismo tiña o apoio de moita xente e Florentino non podía crer aquelo. Hoxe estaría contente porque se decataría de que o seu soño é certo e hoxe é realidade unha Galiza emerxente, un país novo, cheo de futuro, o que el soñou é o que hoxe lle damos”.

Agora, Quintana indicou que hai que “seguir avanzando, polos que loitaron e polos que veñen despois, os nosos fillos, os que terán que habitar Galiza”.
Apostou pola necesidade de que unha nova xeración orgullosa de si mesma “medre para ter un país orgulloso de selo porque cando iso suceda seremos indestructíbeis”.
O número un do Bloque afirmou que os preto de tres mil asistentes eran “unha representación desa inmensa marea de simpatía cara o BNG que existe no país. Galegos que levan a Galiza no corazón, que saben que Galiza ten que ser o primeiro. Estamos como unha marea de cambio, progreso e benestar. Esa marea é a que lle vai facer frente á mentira, á difamación. Construímos entre todos e todas un gran equipo que ten capacidade de xogo, que sabe como facelo, ten alternativas. Todos van cara o mesmo obxectivo, a marcar gol e a gañar. Cando hai un equipo que xoga ben, ás veces tense que enfrentar a un equipo en decadencia que recurre ás peores artimañas, embarra o campo e saca aos seus hooligans e pintan a cara para meter medo”, mais advertíu que non van acadar o seu obxectivo.
“Derrotamos a Fraga e vengouse de nós deixándonos aqui a Baltar”, explicou, “agora o enviado do señor Feijóo anda polos pobos como alma en pena convertido nun hooligan dedicado á mentira e á difamación porque queren destruír, non gañar, non lles importa destruír ás persoas chegando aos extremos da difamación persoal máis asquerosa”. Quintana advertíu a Feijóo de que “non pode esconderse detrás do seu empecinado de aqui porque sabemos que é o que pretende e non imos caer na súa trampa. Xa non pasará á hsitoria como ese pequeno cacique bonachón e aldeano que fai favores, pasará como a peor cara da política da estrema dereita, a peor cara da difamación, da mentira”.
Quintana lanzou unha promesa solemne entre os aplausos dos asistentes: “empeñei boa parte da miña vida en acabar co caciquismo no meu pobo e quero prometervos hoxe que non me van dobrar e que empeño o resto da miña vida en acabar co caciquismo en Ourense e en Galiza”.
Todo vale contra o BNG e Quintana”, afirmou o candidato, ao tempo que relatou a sorpresa dun xornalista portugués que o entrevistou esta semana ante esta “campaña suxa” e que lle perguntou “se eu era o presidente e o BNG é a forza maioritaria da Galiza, díxenlle que aínda non”, relatou, e, daquela, o xornalista perguntou “como é píbel que nesta campaña só haxa o Bloco ou o PP e eu xa non souben que dicirlle”.
O cartel nacionalista indicou que agora lle toca ao BNG a campaña da difamación “porque xa non somos unha cuestión simpática, folclórica para colocar nun testo, é unha forza política para colocar a Galiza no mundo e iso dálles medo. Están acostumados a aturar a Euscadi e Cataluña pero, outro máis, iso baixo ningún concepto!”
Quintana aludíu ao labor feito para chegar até aqui e animou a levar adiante un último esforzo, ao tempo que lembrou que “un día os galegos conseguimos pór as mesmas pedras para que Aznar acabara desaloxado da Moncloa. Agora temos o reto de que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo”.

"Agora os galegos e galegas temos o reto de dar o paso para que o día 1 sexa o Waterloo de Rajoy e Feijóo"