O PSOE REXEITA NO SENADO UNHA EMENDA DO BNG PARA QUE O GOBERNO REDUZA ESTE ANO A CARGA FISCAL PARA O VACÚN DE LEITE
16 maio 2008 - 17:27
O Pleno do Senado rexeitou hoxe, cos votos do PSOE, unha emenda do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, na que se pedía que o Goberno reducise a carga fiscal para o sector de vacún de leite, ao igual que xa fixo co resto de sectores agrogandeiros.
A emenda do BNG, presentada a unha moción do Grupo Popular sobre a adopción de medidas en relación coa suba xeneralizada dos prezos dos alimentos básicos, instaba ao Goberno a estender ao sector de vacún de leite a redución dos índices de rendemento neto para o período impositivo 2007, medidas que deben manterse para o exercicio 2008, dado que a situación de suba dos custos de produción para o sector agrogandeiro, lonxe de mellorar, están a empeorar.
Incomprensíbel que o Goberno deixe fóra das reducións fiscais ao vacún de leite
Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza cualificou durante a súa intervención de incomprensíbel que o Goberno deixara ao vacún de leite fóra da Orde do 30 de abril pola que se reducen para o período impositivo 2007 os índices de rendemento neto aplicábeis polo método de estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras.
Neste sentido, Xosé Manuel Pérez Bouza cualificou durante a súa intervención de incomprensíbel que o Goberno deixara ao vacún de leite fóra da Orde do 30 de abril pola que se reducen para o período impositivo 2007 os índices de rendemento neto aplicábeis polo método de estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras.
Bouza subliñou que precisamente é o sector lácteo o que soporta a maior carga impositiva, cun índice do 0,42, e un dos que máis está a sufrir o fortísimo incremento dos custos de produción, con subas no último ano de máis do 30% no prezo do gasóleo agrícola, do 45% nos fertilizantes ou por enriba do 30% nos cereais para pensos.
Ademais, advertiu do impacto moi positivo que tería en Galiza esta medida, onde se concentran máis do 50% das explotacións lácteas do Estado.
A representante do PSOE xustificou a súa oposición alegando que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño xa dispón dun plan de apoio específico para o sector lácteo.
Os gandeiros o que queren é solucións concretas, como esta, que lle resolvan a difícil situación económica que están a padecer e eviten o peche de explotacións, non de grandes plans que se está a demostrar que non funcionan, retrucoulle o senador do BNG.
Por último, Xosé Manuel Pérez Bouza adiantou que o BNG volverá a presentar estas emendas como moción en comisión dado que son medidas urxentes que se deberían aplicar na Declaración da Renda deste ano.