NUN INTENTO DE REMENDAR O MODELO NEOLIBERAL, ESTANSE GASTANDO MOITOS RECURSOS PÚBLICOS, E PODE SER UNHA AMEAZA PARA O FUTURO
04 dec. 2008 - 11:43
Xabier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC, vén de ser presentado coma o coordinador dun grupo de expertos economistas que guiarán ao BNG en matería económica e que proporán medidas a tomar para superar a crise. Nunha pequena entrevista, Vence indicounos que nas medidas que se están a tomar polos gobernos estase facendo un uso abusivo e irresponsábel dos recursos públicos froito dun intento de remendar o modelo neoliberal que pode chegar a ser unha ameaza para o futuro.
- Cal vai ser o peso do grupo de expertos que vai aconsellar ao BNG e que vostede coordina?
Hai que especificar que hai dúas dimensións deste grupo. Unha parte do foro que se reuniu o luns ten como misión fundamental o de ser un foro de discusión e de elaboración de propostas pero dunha forma xenérica en relación á crise. Logo, dentro dese grupo hai outro que traballa máis estreitamente na elaboración e na formalización de propostas con maior nivel de detalle e profundidade.
- Como cre que levamos a crise en Galiza e como ve o panorama?
A crise amósase cada vez máis intensa nas actividades produtivas, como era previsíbel. De tal xeito que estamos experimentado un parón moi acelerado da actividade económica nos sectores principais da economía de Galiza. O primeiro sector que sufriu ese parón foi o sector da construción, e con el todos os sectores que producen ímputs para a contrución. E agora estamos no momento no que outro sector importante para Galiza sufre ese parón, que é o do automóbil. E no sector servizos tamén se está a notar, sobre todo pola caída do consumo, polo deterioro da capacidade adquisitiva dos salarios. E nos vindeiros meses creo que se agravará máis a situación, e ao haber un parón da actividade, a consecuencia inmediata será o peche de empresas e a reducción de plantillas, co aumento das cifras do paro.
- Como podería explicar en poucas palabras a solución a esta situación?
En poucas palabras é imposíbel, porque é unha crise moi complexa e polo tanto a solución non e simple. Non é que sexa unha crise do sistema financieiro. Non é simplemente unha recesión, senón que é moi complexo porque afecta á configuración do modelo económico que veu dirixindo a economía mundial nestes últimos lustros, e polo tanto é unha crise que require solucións que teñen que ser dadas en múltiples planos. O problema é que a diagnose da crise por parte dos gobernos non é a axeitada.
- Como ve as actuacións que se están tomando para atallar a crise dende o Estado e dende Galiza?
Nese sentido, as decisións, en xeral, son de moi cortas miras. Estase facendo un uso abusivo e irresponsábel dos recursos públicos para cubrir ocos para o burato negro dos últimos anos creado polo sistema financieiro. Iso vai absorber unha cantidade tan enorme de recursos públicos que vai dificultar a dispoñibilidade de recursos para tirar da actividade económica. Estanse tomando decisións demasiado equivocadas e que hipotecan en boa medida o que se poida facer no futuro, porque se busca un remendo ao modelo vixente e a solución require medidas de máis alcance, de cambio do modelo económico.
- E como se tería que gastar o diñeiro público?
Creo que un programa responsábel de utilización do gasto publico para reactivar a economía pasaría principalmente por unha política de gasto público orientado á mellora dos servizos públicos que están en situación de déficit e insuficiencias, como o é o sector sanitario, a educación ou o I+D+i, ou tamén como o son os servizos sociais ou a xustiza, que está infradotada ou a Administración en xeral. Eu creo que o principal programa de gasto público que se debería poñer en marcha é a de creación de emprego público para desenvolver aquelas actividades e servizos públicos nos que hai insuficiencias manifestas xa que iso redundaría na mellora da calidade de vida da cidadanía e na creación do emprego que a través do pago de salarios e de investimentos para poñelos en funcionamento crearía demanda para o sector privado da economía e tamén reactivaría o consumo.
- O capitalismo, tal e como o coñecemos, está morto como modelo económico?
Dicir morto é demasiado forte, pero creo que está claramente fracasado. Creo que o modelo neoliberal conduciu a unha situación de tal desastre económico e tal grao de desorde na vida económica a nivel mundial que cómpre superalo, buscar outro modelo, outra forma de organizar a actividade produtiva diferente á neoliberal. Iso creo que é clarísimo, o que ocorre é que os que toman as decisións en todos os mercados non están convencidos de que o neoliberalismo haxa que pasalo para os sobrados da historia. Efectivamente, todos os que están á fronte dos gobernos dos principais países e economías foron os que estiveron aplicando os modelos neoliberais, e é improbábel que eles apliquen ese cambio de modelo. Así que están tratando de adoptar medidas paliativas que en principio casan dentro do modelo, moito gasto público para salvar os problemas inmediatos dese modelo, e nese intento de remendar o modelo neoliberal están gastando moitos recursos públicos que pode ser unha ameaza para o futuro.Necesariamente vai ter que ocorrer algo nas economías e nas sociedades, e no político para que unha nova xeración sexa capaz de repensar un modelo diferente que supere as eivas do modelo neoliberal.
- Cal é ese novo modelo económico?
Creo que é complexo de describir. Ten que ser un modelo no que o capital financieiro non teña o predominio e a hexemonía absoluta sobre o resto do sistema económico, ten que voltar a ser un instrumento para a dinamización da economía produtiva pero non para estorsionala, e iso implica unha reforma esencial do modelo. Ten que ser un modelo onde a capacidade de compra das familias e das persoas poida progresar paralelo ao aumento da produtividade. Iso quere dicir que hai que esquecerse das políticas da moderación salarial, para que así poidan evolucionar co aumento da produtividade e así o consumo poida manterse baixo condicións reais e non baixo os créditos e o endebedamento.
Hai que crear un novo papel do sector publico do Estado na regulación do sector público e na intervención da economía. Recuperar un papel máis importante no sistema finacieiro, que teña instrumentos de orientación do investimento, bancos ou intitutos de crédito, cara a actividades estratexicas de futuro e non cara a actividades especulativas. E tamén ten que ter un desenvolvemento do estado de benestar onde non o hai, que é en boa parte do mundo.
Todo iso necesítase cunha política fiscal diferente, que vaia na dirección contraria da neoliberal, que ía reducindo impostos ás grandes fortunas e aos ricos e aumentandollo ás pequenas familia. Hai que recuperar un sistema impositivo progresivo que permita unha redistribución das rendas, dende as máis altas ás mais baixas. E para iso o mellor sería a implantación dun imposto ás grandes fortunas para que ano a ano foran revertindo á sociedade iso que foi acumulando nos anos de bonanza. Que máis ou menos substitúa ao imposto de patrimonio que se sacou agora, e que financiaría o incremento do gasto público que se está levando a cabo.