NA EMIGRACIÓN "GAÑA SEMPRE O PARTIDO QUE CONTROLA O APARATO ESTATAL"
14 mar. 2008 - 18:43
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o voto do CERA (Censo Residentes Ausentes) continúa a ser un escándalo antidemocrático e salienta que na emigración gaña sempre o partido que controla o aparato estatal.
Non é moi presentábel en termos democráticos que sistematicamente o partido que controla o aparato do Estado no exterior sexa o que arrase nas eleccións na diáspora. Antes o PP, agora o PSOE. Cambia o poder no Goberno, cambia automaticamente a correlación de forzas entre os dous partidos estatais. Iso non é hixiénico nen moi apresentábel. Iso indícanos até que ponto se trata dun voto condicionado polo poder, un voto emitido en condicións que non son de recibo, afirma o coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera.
Estamos perante unha nova edición dun auténtico escándalo antidemocrático. Os responsábeis de que continúen a chegar sobres con votos de persoas que xa faleceron son o PP e o PSOE por se negaren a modificar a lexislación electoral e por non teren a vontade política suficiente para darlle dignidade ás condicións en que se exerce o dereito ao sufraxio desde o exterior, considera o deputado electo do BNG ao Congreso. Está claro que non reformaron a lei porque uns e outros se teñen beneficiado dela sen o menor escrúpulo e a sabendas de que garante todo tipo de irregularidades, engade.
O BNG vai facer valer os seus votos decisivos en Madrid para que isto mude de vez na nova lexislatura estatal. Imos condicionar calquera hipótese de colaboración co PSOE á hora de formar maiorías parlamentares a que se revise a lexislación electoral de xeito que se garanta a limpeza de todo o proceso de votación do CERA.
A reforma que non só debe traducirse na depuración do censo e en que se vote en urna, senón que tamén debe entrar a determinar o alcance do dereito ao sufraxio- debe producirse durante a próxima lexislatura. Non podemos tolerar que este escándalo antidemocrático dure un minuto máis, afirma Jorquera.