A Marcha Mundial dás Mulleres recorrerá a prohibición que lles impide manifestarse o día 8
06 mar. 2008 - 12:57
Cualifican a decisión de "inxusta" e recrimínanlle ao Goberno que non utilice a mesma lei para para prohibir as misas, pois o episcopado leva máis de seis meses en campaña, pedindo o voto.
A Marcha Mundial dás Mulleres ten previsto presentar un recurso contencioso administrativo contra a prohibición de celebrar concentracións reivindicativas no Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, data que coincide coa xornada de reflexión para as eleccións xerais do domingo.
Despois de que a subdelegación do Goberno en Galiza fixera pública hoxe a prohibición dos actos previstos para este día, a portavoz do colectivo en Pontevedra, Pilar Álvarez, expresou o "cabreo" da organización ante esta medida, que cualificou como "inxustiza".
Pese a non ter a intención de "desobedecer" a prohibición, reivindicou o dereito do colectivo a "estar na rúa, non quedar caladas en casa" e non van a " renunciar a colocar símbolos feministas" na mesma data e lugar onde estaba prevista a concentración.
A resolución emitida pola subdelegación baséase nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid sobre un caso "idéntico", segundo a cal "históricamente as concepcións feministas foron abandeiradas por opcións políticas concretas". No entanto, admite que "aínda que a manifestación non ten finalidade electoral, considera que a barreira entre o político e o social é moi tenue".
Que prohiban tamén as misas
Para Pilar Álvarez, resolucións coma estas tamén "poderían facelas para prohibir as misas", pois criticou que "o episcopado leva máis de seis meses en campaña electoral, pedindo o voto explícitamente para unha determinada opción política".
Así mesmo, quéixase de que "tampouco están prohibidos actos institucionais" como os convocados polas deputacións, os Consellos Municipais da Muller "ou Esperanza Aguirre en Madrid -presidenta desta autonomía, que pertence a un partido", engade.
A representante da Marcha Mundial dás Mulleres relacionou a violencia de xénero coa "invisibilización e ninguneo" deste colectivo". "Non deixarnos saír á rúa é un xeito de facernos seguir no papel de aturar", explicou Pilar Álvarez.