JORQUERA: "AGARDAMOS QUE A ESTRUTURA DO NOVO GOBERNO NON SIGNIFIQUE A PERDA DE IMPORTANCIA DO AGRO E DA PESCA"

JORQUERA: "AGARDAMOS QUE A ESTRUTURA DO NOVO GOBERNO NON SIGNIFIQUE A PERDA DE IMPORTANCIA DO AGRO E DA PESCA"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera afirmou este mediodía que “agardamos que o novo Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño, non signifique a perda de importanza política do agro e da pesca para ficaren diluidas en políticas medioambientais”.

Esta era a avaliación que realizaba o parlamentar do BNG despois de coñecer a composición do novo Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero dado a coñecer esta mañá polo Presidente do Goberno español.

Advertencias sobre o novo Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño

O deputado do BNG detívose especialmente na unión nun mesmo Ministerio das materias agro-pesqueiras e o medio ambiente: o Ministerio de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño. Jorquera afirmou que “observamos que por unha banda, o PSOE copia o esquema implantado polos nacionalistas galegos no Goberno da Xunta ó concebir as políticas para o medio rural como políticas integrais”. Máis, advertiu, “vemos elementos perigosos no feito de que se aúne o agro, a pesca e o medio ambiente. Pode ser sintomático da pouca importanza que se lle vai dar ás políticas pesqueiras e agrarias”. Salientou o feito da “desaparición da denominación específica de Pesca”.
“Temos moitas reservas no feito de que o agro e a pesca estean subsumidas no medio ambiente. Poden perder peso as políticas económicas de sectores tan importantes para Galiza como o agro e a pesca”. Engadiu que “agardamos que non se conciba o agro e a pesca só como políticas medioambientais”. E puxo de manifesto que se deben respectar as competencias autonómicas.

Discrepancia no mantemento de Cultura e Vivenda

Ademáis, o parlamentar nacionalista manifestou “a nosa discrepancia respeito ao mantemento dos departamentos ministeriais de Cultura e Vivenda xa que estas materias están transferidas en boa medidas ás Comunidades Autónomas”.
Francisco Jorquera salientou tamén que se trata dun “Goberno continuista respeito ao anterior e cun perfil moi técnico”. Saudou como elemento positivo a aposta pola igualdade e respeito á creación do Ministerio de Ciencia e Innovación, sinalou que “esperamos que se traduza en un incremento das políticas en I+D+I, en outorgar más importanza ás políticas centradas na productividade e nas melloras económicas, sempre e candos se respecten as competencias autonómicas”, advertiu.

JORQUERA: "AGARDAMOS QUE A ESTRUTURA DO NOVO GOBERNO NON SIGNIFIQUE A PERDA DE IMPORTANCIA DO AGRO E DA PESCA"