Jorquera pide á mocidade un “voto rebelde para unha forza política insumisa cos recortes”

Jorquera pide á mocidade un “voto rebelde para unha forza política insumisa cos recortes”



Francisco Jorquera acudiu esta mañá á manifestación convocada polos Comités de Estudantes e Galiza Nova en defensa dun ensino público e de calidade. Alí apelou á mocidade par que “a súa rebeldía se traduza nun voto rebelde, por unha forza política que vai ser insumisa cos recortes, que vai facer do ensino público unha prioridade e que vai plantar cara aos recortes, o BNG”.
O candidato nacionalista afirmou que “recortar no ensino é o mesmo que recortar no futuro dun país, na formación da mocidade, o mesmo que ofrecer á mocidade como futuro unha maleta para que se gañe a vida despachando copas en Londres”.
En opinión de Jorquera “o que acontece obedece a un deseño, unha aposta do PP para que exista un ensino para ricos e outro para pobres porque mentres se recorta no ensino público os centros privados benefícianse dos programas para mellora da calidade educativa ou o goberno Feijóo subvenciona centros de ensino que separan nenos e nenas”.
Fronte a estas políticas, Jorquera defendeu as do BNG que apostan “desenvolver e dotar de máis calidade o ensino público para formar a mocidade e que poida vivir e traballar dignamente de Galiza e modificar o modelo de crecemento que nos levou a esta crise”.

Jorquera pide á mocidade un “voto rebelde para unha forza política insumisa cos recortes”