JORQUERA PEDE A ZAPATERO UN "PLANO AMBICIOSO DE INVESTIMENTOS EN LUGAR DUNHA SUCESIÓN DE MEDIDAS A CONTAGOTAS"

JORQUERA PEDE A ZAPATERO UN "PLANO AMBICIOSO DE INVESTIMENTOS EN LUGAR DUNHA SUCESIÓN DE MEDIDAS A CONTAGOTAS"

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, dirixiuse no Pleno ao Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, para demandarlle que “presente un Plano ambicioso de investimentos para facer fronte á crise en lugar dunha sucesión de medidas a contagotas”.

Jorquera abriu a súa intervención enfatizando que o BNG nunca estivo a favor do divorcio entre política e economía, e a continuación detívose nos principais temas de controversia no ámbito económico. Nun primeiro termo, referiuse ao debate sobre austeridade ou expansividade do gasto público. Lembrou que xa “na súa investidura defendemos a aposta decidida polo investimento público fronte aos que preconizan a austeridade”.

Máis recursos para as CC.AA para desenvolver políticas sociais
Por iso, puntualizou, remarcamos a importanza da política orzamentaria. “Agora, vosté xa admite a necesidade de recurrir a un aumento da débeda pública para movilizar mais recursos públicos”. O deputado do BNG redundou neste argumento e propuxo “unha aposta decidida polo gasto social e a mellora dos servizos públicos que redunde nunha mellora das condicións de vida da cidadanía”. Subliñou que a maior parte dos servizos públicos son competencia das CC.AA.
“Esquézase do dogma de que o Estado ten que reservar para si polo menos o 50% do gasto público e peche coas CC.AA unha reforma do sistema de financiamento que as dote de máis recursos”. Ademáis, pediu ao Presidente do Goberno que presente un Plano ambicioso de investimentos “en vez dunha sucesión de medidas a contagotas”.


Críticas á máis Ministerios: “practique a austeridade nese ámbito”
Ínstou a Zapatero a practicar a austeridade en noutros ámbitos e cuestionou que sexan necesarios Ministerios en áreas de responsabilidade autonómica. “Non acrecente este erro prometéndolle a Sanchez Vicario un Ministerio de Deporte”.

Redimensionar o ICO e usar a SEPI para participar en empresas estratéxicas

Respeito ao tema da intervención ou non do Estado na economía, tildouno de “debate falso porque a economía sempre estivo regulada. A cuestión é como se regula e ao servizo de que intereses”.
Neste sentido, apelou a Zapatero a redimensionar o ICO “e a colaborar cos Institutos de Créditos autonómicos como o que o BNG propuxo para Galiza”. E “recurra á SEPI para tomas de participación de capital en empresas estratéxicas como REPSOL”. En relación ao entorno comunitario, demandou que se exixa que o Banco Central Europeo e a política monetaria non “escapen do control democrático “, e criticou as actuacións gubernamentais neste sentido. “Xa son poucos os que se atreven a discutir que a súa obediencia cega aos dogmas monetaristas restou rapidez de resposta fronte á crise”.

Rebaixar a IVA para reactivar o consumo
No relativo á rebaixa de impostos ou progresividade fiscal, mantivo a defensa dunha mellor progresividade fiscal e priorizar a imposición directa fronte á indirecta. Convidou ao Presidente do Goberno a seguer o exemplo de Gordon Brown: “rebaixe a IVA para reactivar o consumo, e compense a rebaixa incrementando a progresividade na imposición directa”.

Reptos na UE: defender a volta de Navantia Fene á construción naval civil e un sistema de cotas lácteas xusto para Galiza
En referencia á libre competencia, utilizou unha frase de Durao Barroso para a súa argumentación: “medidas excepcionais ante unha situación excepcional”. Unha idea que se empregou para xustificar “o feito de acudir ao resgate dos bancos ou para que os Estados avalien operacións de crédito de fabricantes de vehículos”.
Por iso, demandou a Zapatero que coa mesma forza defenda na UE que o asteleiro de Navantia Fene volte á construción naval civil que “podería absorver parte do desemprego que se xenera noutros sectores”. E tamén na UE que defenda un sistema de cotas lácteas xusto para Galiza.

JORQUERA PEDE A ZAPATERO UN "PLANO AMBICIOSO DE INVESTIMENTOS EN LUGAR DUNHA SUCESIÓN DE MEDIDAS A CONTAGOTAS"