JORQUERA AFIRMA QUE AS BALANZAS FISCAIS PRETENDEN TRASLADAR A FALSA IMAXE DUNHA GALIZA SUBSIDIADA

JORQUERA AFIRMA QUE AS BALANZAS FISCAIS PRETENDEN TRASLADAR A FALSA IMAXE DUNHA GALIZA SUBSIDIADA


Lembrou que o Estado recada en Galiza 11.000 millóns de euros ao ano e só transfire 7.000 á administración galega e defendeu un modelo de territorialización plena dos tributos


O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, afirmou en rolda de prensa que “a falta dunha análise máis detallada, é evidente que non estamos ante unhas balanzas neutras, senón que teñen unha intencionalidade política, a de proxectar a idea, falsa, de que Galiza é un país subsidiado polo Estado español; a idea de que Galiza non ten recursos suficientes para dotar de pleno contido o seu autogoberno”


“Como sabedes, todas as balanzas fiscais se basean en métodos que son discutíbeis e logo, moitas cuestións se basean en estimacións. O que non é discutíbel son os datos que aportou o BNG, extraídos de estatísticas oficiais: o Estado español recada en Galiza por distintos conceptos tributarios 11.000 millóns de euros e transfire á CCAA 7.000 millóns. Iso é un dato obxectivo e o resto é discutíbel”, asegurou.


Metodoloxía discutíbel


A seguir, analisou os métodos empregados polo goberno nas distintas balanzas fiscais publicadas onte. Nas que seguen o método dos fluxos monetarios, é dicir, imputar os ingresos e gastos no territorio onde se produzan, Jorquera lembrou que é necesario introducir elementos de corrección ao efecto sede, posto que moitas empresas “liquidan beneficios en Madrid, aínda que desenvolvan a súa actividade económica no conxunto do Estado".
“Ademais hai empresas que teñen practicamente toda a súa actividade económica en Galiza e tributan en Madrid”, afirmou. A balanza feita con este método, seguindo o reparto 50% accionistas – 50% consumidores “é total e absolutamente aberrante”, segundo Jorquera, xa que “o 50% accionistas significa o lugar onde está a sede social, é dicir, en Madrid, aínda que falemos de empresas como Citroën que teñen a totalidade do seu proceso produtivo en Galiza”. “Isto son distorsións que fan que as resultantes sexan disparatadas”, resaltou.
No chamado método carga-beneficio: “hai disparates como repercutir o gasto da administración central en todo o territorio estatal, aínda que eu saiba, os ministerios están en Madrid”. “Se iso non ten unha repercusión favorable ao lugar onde están ubicados os ministerios, que trasladen a capital do Estado a Galiza porque ninguén se vai resentir”, dixo. “Tamén se considera que as obras do túnel do Guadarrama hai que repercutilas en todas as comunidades do noroeste peninsular porque poden chegar antes á capital do Estado; é como se nas balanzas fiscais europeas se considera que Galiza está beneficiada polo túnel do Canle da Mancha porque está máis perto de Londres ”, segundo Jorquera


Seguridade social e fluxos indirectos


O portavoz do BNG no Congreso criticou ademais que se repercutan na balanza fiscal os gastos das pensións contributivas da seguridade social: “Nas balanzas publicadas onte repercútense os gastos ocasionados polas balanzas fiscais contributivas. Nós consideramos que isto é aberrante. A seguridade social contributiva recoñece o dereito ás pensións contributivas ás persoas que estiveron cotizando, iso non se pode repercutir territorialmente. Cantos miles de galegos traballaron e cotizaron en Euskadi, Catalunya, Madrid e agora retornan a Galiza na súa idade de xubilación e agora reciben unha pensión? Isto non é solidariedade interterritorial, son dereitos adquiridos” O coordenador executivo do BNG asegurou que “eu tiven familia en Alemaña que cobra pensións e iso non é ningunha solidariedade de Alemaña cara Galiza”
Para o BNG tamén provoca distorsións que non estimen os chamados “fluxos indirectos”. “Haberá que ter en conta que persoas formadas en Galiza logo tiveron que emigrar e vender fóra a súa forza de traballo; debemos ponderar que este país fixo un esforzo na formación de traballadores que logo non redunda no seu beneficio”, afirmou.
“O BNG considera que estes resultados son discutíbeis e pretenden crear a imaxe dun país que vive dos subsidios do Estado español. Iso non é así, en todo caso será o Estado español o que se mantén mediante o esforzo que fan galegos, vascos, cataláns e os demais pobos do Estado”, asegurou.


Aposta pola territorialización plena dos tributos


Jorquera concluíu a súa intervención defendendo “un modelo de territorialización plena dos tributos, non só porque somos nacionalistas, senón porque introduciría transparencia e evitaría manipulacións como aquelas ás que estamos asistindo agora coa publicación destas balanzas fiscais”. “Saberíase o que recada cada país e logo cada comunidade contribuiría de xeito regulado ao sostemento do Estado común e a un fondo para corrixir desequilibrios territoriais”, precisou.

JORQUERA AFIRMA QUE AS BALANZAS FISCAIS PRETENDEN TRASLADAR A FALSA IMAXE DUNHA GALIZA SUBSIDIADA