Cinco ideas, un proxecto de país

Cinco ideas, un proxecto de país


1. INSUBMISIÓN AOS RECORTES E BANCA PÚBLICA: Gobernemos nós o noso aforro. O proxecto do BNG é conseguir un Banco público vinculado coa transferencia de NGB a Galiza. A opción do PP é liquidar NGB despois de ter investido millóns de euros públicos, o BNG non consentirá ningún recorte mentres se lle regalan cartos á banca privada. O BNG será insumiso e presentará recursos de inconstitucionalidade contra as decisións de Madrid que invadan competencias para obrigar a novos recortes. Gobernemos nós o noso aforro como garantía de que os autónomos, os pequenos e medianos empresarios e as familias teñan acceso ao crédito e que os seus proxectos servan para xerar riqueza e emprego que non saia de Galiza.
2. UN SISTEMA IMPOSITIVO MÁIS XUSTO: Gobernemos nós a nosa fiscalidade, os nosos impostos. O proxecto de BNG incorpora unha Reforma fiscal para gravar as grandes fortunas e un novo Concerto Económico para que os beneficios das grandes empresas como Inditex ou Citroen paguen o seu imposto de sociedades en Galiza. A opción do PP é cargar de impostos aos que menos teñen, o IVA é só un exemplo, que paga igual un obreiro e un banqueiro.
3. PÓR GALIZA A PRODUCIR PARA XERAR EMPREGO: Gobernemos nós os nosos recursos porque Galiza é un país rico, temos o naval máis punteiro, somos potencia pesqueira, temos o mellor agro e un grande potencial en I+ D. O proxecto do BNG pasa porque Galiza teña presenza propia en Bruxelas para defendelos. A opción do PP é supeditar calquera decisión sobre os nosos sectores productivos aos intereses de Madrid e Bruxelas. Tamén gobernemos nós a nosa enerxía, o proxecto do BNG inclúe unha tarifa eléctrica galega en beneficio dos consumidores.
4. SERVIZOS PÚBLICOS E XUSTIZA SOCIAL: Gobernemos nós a nosa sanidade, o ensino e o benestar. Sanidade e ensino público galego como dereitos. Renda mínima digna para todos e todas os que carezan de ingresos vinculada á formación e á integración. O proxecto do BNG quere xustiza social, non pode seguir habendo xente sen casa e casas sen xente. Establecerase un Patrimonio público de vivenda coas casas baleiras en mans dos bancos. O proxecto do BNG quere que ninguén fique atrás. Esa é a nosa alternativa. A do PP é un banco malo, é facer negocio no público.
5. MÁIS DEMOCRACIA: NIN UN PASO ATRÁS NOS DEREITOS E AS LIBERDADES: O autogoberno como garantía de dereitos e liberdades. Para poder legar unha lingua, unha cultura con manifestación diversas e plurais, un espazo de recoñecemento das diferenzas en igualdade de oportunidades, non podemos consentir o esnaquizamento de dereitos conseguidos polas xeracións que nos precederon. O proxecto de país do BNG non permitirá recortar en igualdade e soberanía e será un proxecto aberto e construido entre todos, por iso propomos unha Lei de Consultas Populares. Máis soberanía, máis capacidade para gobernar nós a nosa terra é maior benestar.

Cinco ideas, un proxecto de país