Guillerme responsabiliza a Feijóo do brutal aumento do paro e da débeda
22 mar. 2012 - 18:03
"O PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde nun acto sobre a reforma laboral en Lugo, no que tamén interviron a deputada Isabel Sánchez e o portavoz municipal, Antón Bao.
Alí, Guillerme a Feijóo de ser o máximo responsábel político do brutal incremento do paro e da débeda en Galiza.
Tal e como enfatizou o líder nacionalista, estamos ante unha reforma agresiva cos asalariados e asalariadas, agresiva con Galiza, onde os salarios están por baixo da media estatal e onde o paro medra por riba da media estatal.
Atopámonos ante unhas medidas inxustas que deprimirán aínda máis o consumo e agravarán a crise das pequenas e medianas empresas, explicou o líder nacionalista, logo é mala para os asalariados e para a economía en xeral, concluíu.
O portavoz nacional afirmou que as medidas adoptadas por Rajoy son as que lle pedían os mercados e a patronal. Eles presionaron e seguen presionando. Agora tócanos a nós. É o noso momento para dicir NON a esta reforma antisocial e para presionarmos o goberno. É o momento da mobilización en defensa dos dereitos de traballadores e traballadoras e aí estará, como sempre estivo o BNG.
A Patronal está feliz e contenta con estas medidas, continuou, a proba é que mesmo hai consultorías que organizan seminarios para instruír aos empresarios sobre como aproveitar as medidas para despedir máis barato.
Agora, tal e como enfatizou o portavoz nacional, o PP ten que explicarnos cantos postos de traballo se van destruír en 2012 grazas a unha reforma laboral que facilita extraordinariamente os despedimentos.
Os aparatos do poder machucan coa consigna de que a folga xeral non serve para nada. Pois eu dígovos que o que non serve para nada é a resignación e ficar na casa de brazos cruzados. A sociedade ten dúas armas para defenderse: o voto e a mobilización social. Agora é o tempo da mobilización para defender aquilo que tanto custou conquistar, concluiu.