“GALIZA TEN TANTO DEREITO COMA CATALUNYA A NEGOCIAR DE TI A TI OS ORZAMENTOS CO ESTADO ESPAÑOL”

“GALIZA TEN TANTO DEREITO COMA CATALUNYA A NEGOCIAR DE TI A TI OS ORZAMENTOS CO ESTADO ESPAÑOL”


O vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, declarou hoxe que “Galiza ten tanto dereito coma Catalunya a negociar de ti a ti os orzamentos co Estado español, xa que merece o mesmo trato e o mesmo modelo de negociación ca esa comunidade e así ter as mesmas posibilidades”.

Anxo Quintana asegurou que cando mañá chegue a Galiza o presidente do Estado español, José Luis Rodríguez Zapatero, se atopará “cun Goberno, o galego, con moita fortaleza” porque ademais de poder falar no nome de todos os galegos “pode falar no nome de Galiza e de todos os partidos políticos con representación no Parlamento sobre catro temas chave: a negociación dos orzamentos do Estado, a mellora do autogoberno, o retraso das obras do AVE en Galiza e a reforma do voto emigrante”.

O líder nacionalista dixo que a visita de Zapatero a Galiza “é unha boa ocasión para que anuncia novos traspasos para mellorar o autogoberno de Galiza”. Así, pediulle ao presidente do Estado que “anuncie o traspaso inmediato en materia de tráfico e de seguridade viaria”, xa que como sae nos medios estes días vese que o Estado “rouba e recada en Galiza moito máis do que inviste en materia vial”.

Quintana tamén dixo que dende o Goberno galego “cren na súa palabra e na súa boa intención e non teñen motivos para non crer”, pero o vicepresidente pediulle a Zapatero que coa súa visita se decate de como van as obras do AVE e que anuncie, sen “necesidade de que gaste máis queroseno en voos, a creación da Comisión de seguimento das infraestruturas galegas e das obras do AVE” dándolle así a razón “ás tres forzas políticas galegas con representación no Parlamento, que foron unánimes neste tema”.

Voto emigrante e eleccións

Ademais Anxo Quintana requiriulle a José Luis Rodríguez Zapatero que non desbote a oportunidade que ten mañá de afondar máis “na transparencia democrática” e anuncie xa a reforma da lei do voto emigrante.

Quintana declarou que Zapatero “ten que actuar como un demócrata e ten que dar a razón ás forzas políticas galegas, que pediron esa reforma, e anuncie que os galegos da diáspora poidan votar en urna nas vindeiras eleccións”.Quintana tamén dixo con respecto á visita de Zapatero que “cada un faga as interpretacións que vexa oportunas” pero que a el “non lle comunicaron dende ningunha parte, nin dende o Goberno galego, nin dende o PSOE, ningún adianto electoral”.

Concurso eólico

O vicepresidente da Xunta de Galiza tamén dixo na rolda de prensa que o Goberno galego fixo “un concurso eólico público onde calquera empresa podía presentarse para obter as concesións de explotación da enerxía eólica”, así que non entende como o PP agora se “dedica a difamar e a desprestixiar ese concurso xa que todos se poden presentar, porque é aberto e público”.

“GALIZA TEN TANTO DEREITO COMA CATALUNYA A NEGOCIAR DE TI A TI OS ORZAMENTOS CO ESTADO ESPAÑOL”