Fernando Blanco renuncia á súa acta de deputado e á candidatura ao Senado pondo "o listón ético altísimo"
06 out. 2011 - 21:01
O portavoz nacional do BNG pide a Fiscalía que investigue o delicto de violación do segredo de sumario, que deixa na indefensión a Fernando Blanco
O deputado do BNG Fernando Blanco Álvarez anunciou esta mañá en rolda de prensa que renuncia á súa acta de deputado e a súa presenza na candidatira ao Senado pondo, en palabras de Guillerme Vázquez, o listón ético altísimo nun xesto de dignificación da política.
Nego calquera axuda de carácter irregular ou o cobro de determinadas comisións por interceder, afirmou, é absolutamente falso, unha calumnia e polo tanto cando se poida, cando se levante o segredo de sumario, iniciarei as accións xudiciais pertinentes.
Fernando Blanco reiterou que todos os procesos administrativos dirixidos por el na súa etapa como Conselleiro foron absoluta e escrupulosamente legais e que non houbo, por suposto, ningunha intermediación nin cobro de comisións.
Non podo nunha situación deste tipo levar no Parlamento os debates de temas tan importantes como NovaCaixaGalicia, o teito de gasto ou a loita contra a crise económica nun momento en que a miña imaxe pode distorsionar o que é realmente importante: os problemas dos galegos e galegas.
Se non teño a liberdade absoluta para defender eses temas como hai que facelo ante unha acusación infundada e na que non son nin acusado, nin imputado, nin chamado como testemuña, non podo facelo, insistiu.
Non quero en ningún caso ocasionarlle dano ao Bloque Nacionalista Galego, dixo, o traballo de tantos anos ten que continuar e ás veces hai que tomar decisións deste tipo.
Amosouse seguro de que non vai ter ningún problema pola súa inocencia, polo que amosou o seu desexo de que sexa canto antes cando se aclare todo.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, iniciou a súa intervención pedindo á Fiscalía que investigue a violación do segredo de sumario, un delicto que deixa na indefensión a Fernando Blanco. Esa vulneración é un delicto, insistiu. Guillerme lembrou tamén que estas acusacións fainas unha persoa que si está sometida a xuizo e fainas, ao parecer, para obter beneficios penitenciarios.
O líder nacionalista, que lembrou que non hai nen sequera unha imputación, afirmou que detrás das filtracións hai intencionalidade política, hai unha man que mece o berce e estamos seguros de que asistiremos a un culebrón.
Guillerme lamentou que hoxe é posíbel destruír a honorabilidade das persoas sen que medie ningunha resolución xudicial, sen que haxa culpabilidade.
O número un do nacionalismo galego quixo lembrar que neste caso o PP non depurou as responsabilidades políticamente relevantes porque, tal e como lembrou, o caso iniciouse por subvencións dadas polo IGAPE do actual Goberno da Xunta, polo que instou a Núñez Feijóo a cesar ao conselleiro Javier Guerra. Non se poden dar leccións aos demais cando non se asumen as propias, concluiu, ao tempo que lembrou que Feijóo nin sequera cesou aos responsábeis do IGAPE detidos ao comezo desta operación.
Guillerme afirmou que Fernando Blanco fai un sacrificio persoal e pon o listón ético moi alto, máis alá do que ninguén o puxo, nun xesto de dignificación da política.