A eurodeputada do BNG Ana Miranda visitará Monforte para explicar a repercusión da PAC no sector vitivinícola da zona
03 abr. 2013 - 17:47
A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, visitará o Concello de Monforte o vindeiro xoves 4 de abril para abordar co alcalde, Severino Rodríguez, dous asuntos prioritarios para Monforte e a Riberira Sacra.
Por un lado, a eurodeputada dará conta da situación na que queda Monforte en relación ao transporte de mercadorías por ferrocarril dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marcará a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os vindeiros anos. Por outro, Miranda explicará a repercusión que a Política Agraria Común 2014-2020, recén aprobada pola Eurocámara, terá sobre o sector vitivinícola da comarca, en particular na produción amparada pola denominación de orixe Ribeira Sacra.
Miranda e Rodríguez manterán un encontro ás 11.00 horas na casa do Concello e, as 12.00 horas, desprazaranse ata a sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra para reunirse coa directiva.
Tanto a eurodeputada nacionalista como o alcalde comparecerán ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa que terá lugar ás 17.00 horas na Casa do Concello, na que informarán sobre os asuntos tratados.