Estamos por Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia e Traballo
20 xul. 2011 - 17:12
EXERCERMOS OS NOSOS DEREITOS COMO POBO
No Día da Patria Galega, o nacionalismo galego vai expresar con clareza a nosa vontade de exercermos os nosos dereitos como pobo, como nación dixo Montse Prado, nun contexto marcado non só pola crise da economía, mas tamén por unha profunda crise social e por unha crise da mesma democracia.
O BNG emerxe neste contexto con alternativas propias e perfeitamente factíbeis fronte a un bipartidismo estatal esgotado que carece de propostas reais para enfrentar a crise nun sentido positivo para as maiorías sociais e para Galiza como nación.
A crise está a ser especialmente dramática para Galiza. Atravesamos unha situación que temos cualificado como de emerxencia nacional. Os sectores produtivos básicos están baixo mínimos. O declive demográfico é arrepiante. O paro continúa a medrar e aí temos agora a ameaza que pende sobre un sector estratéxico de noso como é o sector naval, pormenorizou Montse Prado.
Ante un cadro de problemas tan preocupantes, os partidos estatais non presentan solucións porque eles mesmos son parte do problema. Hai que apostar por alternativas distintas. Daí que as poñamos en primeiro plano no propio lema co que convocamos este Día da Patria Galega: Soberanía, Democracia e Traballo.