Cosme Pombo chama a concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG
05 out. 2012 - 17:39
O Bloque Nacionalista Galego abríu a campaña en Lugo das eleccións galegas do día 21 cun chamamento a concentrar no BNG todo o voto nacionalista e de esquerdas para botar ao PP da Xunta. O cabeza de lista pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, dixo que Feijóo non exerce de presidente de Galiza, porque non é a voz do pobo galego, senón a voz de Rajoy.
O candidato nacionalista dixo que é posible botar ao peor presidente da historia de Galiza, que leva tres anos sen facer nada por este país e afirmou que para iso a chave pasa por concentrar todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG. Se isto ocorre -dixo- o PP ten as eleccións perdidas.
Na praza da Soidade da capital lucense e acompañado por membros da candidatura, militantes e cargos orgánicos e institucionais do BNG, Cosme Pombo acusou a Feijóo de ser un mandado de Rajoy. Feijóo agocha o programa de recortes masivos que ten preparados os seu xefe Rajoy para despois das eleccións, cando pida o rescate, denunciou. Non é de fiar un candidato que agocha mesmo as siglas do seu propio partido, como fai Feijóo, para ver se así despista á xente e non o relacionan cos recortes do PP, criticou o candidato nacionalista.
O PP reprime a voz dos cidadáns
No acto Cosme Pombo tamén alertou da actitude dictatorial e antidemocrática do PP, que tentou reprimir a voz dos cidadáns, denunciando a manifestación desta tarde para que non se producira, igual que reprimíu as manifestacións pacíficas de cidadáns diante do Congreso dos Deputados a semana pasada. Finalmente a Xunta Electoral non deu a razón ao PP e a manifestación convocada pola CIG percorreu as rúas de Lugo en protesta polos recortes dos Goberno do PP en Madrid e na Xunta.