Campaña de recollida de material sanitario para Gaza
02 set. 2014 - 18:44
O BNG quere, máis unha vez, manifestar a solidariedade do pobo galego coa causa palestina e o rexeitamento á actuación do goberno israelí, que leva provocado miles de persoas mortas e feridas. Por iso, apoiamos a campaña de recollida de material sanitario promovida pola asociación galaico-árabe Yenín-Comunidade Palestina e a Fundación Araguaney, e chamamos á cidadanía a:
1. Recoller material sanitario e medicamentos (vendas, gasas, material de sutura, de curas, protésico, luvas, gorros, calzas , antibióticos, analxésicos,...) até o 10 de setembro .
2. Rexeitar os produtos israelís fixándose nas etiquetas que comezan cos números 729.
3. Mobilizarse nas rúas, nas redes sociais, en actos cívicos, no traballo, coa veciñanza
Cóntanse por milleiros as palestinas e palestinos agredid@s polo goberno israelí nas últimas semanas, nunha operación de exterminio denominada cinicamente Marxe Protectora. O resultado é de máis de 2 000 persoas asasinadas, máis de 10000 feridas, casas, escolas, edificios e infraestruturas vitais destruídas. Este masacre continúa o proxecto de xenocidio do pobo palestino imposto polo Estado de Israel para afogar as súas lexítimas reivindicacións. E isto, nun contexto en que os gobernos occidentais miran para outro lado, cando non alimentan directamente un estado que incumpre reiteradamente a lexislación internacional. Palestina só precisa que se cumpra o seu dereito á autodeterminación e ao retorno despois da ocupación ilegal de territorios gañados, unha e outra vez, nunha prolongada guerra de agresión. Con todo, o pobo palestino resiste e é moi importante que continúen o compromiso e a denuncia internacionais, ao tempo que precisa toda a nosa axuda para reconstruír as consecuencias da barbarie. De maneira moi especial, e con carácter urxente, Palestina precisa material sanitario e medicamentos para as persoas feridas, unha recollida en que o BNG colabora xunto coa Asociación galaico-árabe Yenin-comunidade palestina e a Fundación Araguaney.
Diríxete ANTES DO 10 DE SETEMBRO ás farmacias de Escairón: FARMACIA LAMELO e FARMACIA MªCARMEN PIÑEIRO RAJO e alí poderás depositar o material
As necesidades principais son as seguintes:
- Material para curas: gasas, soros, antisépticos, vendas, apósitos, esparadrapos, alcohol, xabóns
- Material cirúrxico: luvas, suturas, vías, compresas estériles, agullas, gorros, calzas e máscaras para quirófano.
- Material ortoprotésico: muletas, caxatos...
- Medicamentos: analxésicos, antibióticos...
- Mantas e tendas de campaña