O BNG rexista senllas iniciativas no Parlamento e no Congreso a prol do referendo contra o Recortazo
16 xul. 2012 - 19:28
O Bloque Nacionalista Galego apresentou este luns no Parlamento galego e no Congreso senllas iniciativas para que o brutal Recortazo do Goberno Rajoy se submeta a referendo.
Así o anunciaron en conferencia de imprensa o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, e a portavoz do grupo parlamentar nacionalista, Ana Pontón.
«O que propón o PP é máis centralismo e menos democracia. O BNG propón, en troca, máis autogoberno e referéndum. Que as e os cidadáns tomen a palabra», resumiu Francisco Jorquera.
O Recortazo é perfeitamente evitábel
O candidato nacionalista negou a maior, refutou a tese de Rajoy de que o Recortazo é inevitábel.
Jorquera pide que se «pinche xa» a burbulla da débeda
«Claro que outras políticas son posíbeis. A política de recortes non é inexorábel. Hai outras opcións», afirmou, antes de achegar o dado de que a fraude fiscal por ano ascende no Estado español a 85.000 millóns de euros. Se se recadasen non sería preciso ningún recorte.
Esa monstrosa cantidade é moi superior á cantidade -65.000ME- que o Goberno Rajoy vai recortar. «Portanto, claro que hai alternativas!», enfatizou Jorquera, o problema é que Feijóo prefire «recortar o benestar» antes de «recortar a fraude fiscal»
Superar a falsa austeridade
Para Jorquera, a nova onda de recortes decretada por Rajoy vai traer consecuencias devastadoras para a economía. «A recesion virará en grande depresión», vaticinou, ao tempo que preconizou «superar a mal chamada política de austeridade que se vén praticando desde o comezo da crise porque, como se está a ver, só provoca máis crise, máis recesión e máis paro».
O líder nacionalista propuxo tamén que «se pinche xa» a burbulla da débeda pública, algo perfeitamente posíbel se houber vontade política.
«Necesitamos un Banco Central europeu que sexa realmente un banco central. Non é de recibo que a función básica do BCE sexa a de ser a financeira da banca privada», denuncia Jorquera, quen ao mesmo tempo reprobou que «os Estados centrais da UE», dixo en alusión a Franza e Alemaña, se estean a financiar «a custo praticamente cero mentres a periferia, e o Estado español, paga xuros no entorno do 7 por cento».
A insensibilidade de Rueda
Por súa parte, a portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, deu cumprida resposta ás declaracións realizadas onte por Alfonso Rueda e segundo as cais os recortes non están a tocar o fundamental (!!).
«Recortar as prestacións polo desemprego non é tocar o fundamental? Despedir a miles de persoas no sector público non é tocar o fundamental? Reducir os salarios a millóns de persoas non é tocar o fundamental?», perguntouse Ana Pontón, quen instou ao conselleiro de Presidencia a que se retracte delas.
O discurso de Feijóo xa non se ten de pé
De por parte, Jorquera afirmou que «o discurso de Feijoo xa non se ten de pé», en relación ao voto afirmativo da Xunta de Galiza aos recortes no Consello de Política Fiscal e Financeira.
«Non se ten de pé porque el dicía que a suposta solvencia financeira de Xunta a ía eximir da realización de novos recortes. Pero logo el vota a favor deses recortes no CPFF!», censurou Jorquera.
Por un 25-X masivo e de contestación ao Recortazo
Jorquera e Pontón fixeron un chamamento á sociedade galega a que secunde masivamente a manifestación que o BNG convoca para o 25 de Xullo en Santiago (12 h, A Alameda), de forma que se erga un berro cívico contra un Recortazo que significa á vez unha agresión sen precedentes contra os dereitos sociais e un ataque brutal ao autogoberno galego.