O BNG presenta 100 propostas contra o empobrecemento e o paro
17 out. 2013 - 17:25
O BNG salta a restrición de 50 propostas de resolución e presenta 100 porque Galiza ten máis de 50 problemas
A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón presentou hoxe ante os medios de comunicación as 50 propostas de resolución esixidas no novo formato do Debate do Estado da Nación á que sumou outras cincuenta porque Galiza ten máis de 50 problemas.
A deputada afirmou que Feijóo ofrece un pacto de silencio cando se refire ao dialogo e o BNG non vai calar ante os problemas reais de Galiza, de aí que presente 50 alternativas máis a pesar da limitación na presentación de propostas.
Alternativas para frear o espolio galego, loitar contra o paro e defender os servizos públicos
A nacionalista anunciou as propostas de resolución do BNG que enmarcou en tres eixos básicos: frear o espolio de Galiza, loitar contra o paro e emigración xuvenil e a defensa dos servizos públicos.
As alternativas do BNG contrastan co discurso do Presidente da Xunta de Galiza, dixo, un presidente que esqueceu o sufrimento de milleiros de galegos e galegas, non recoñeceu os seus erros e segue sen mostrar disposición a mudar de política.
Pontón considerou unha medida insuficiente a proposta de rebaixar o IRPF nas rendas máis baixas realizada onte por Feijóo no Debate do Estado da Nación e explicou que despois de facer os cálculos, a medida estrela do Presidente da Xunta representará un impacto real entre os 25 e os 63 euros anuais.
Para a deputada, Núñez Feijóo pretende con este anuncio tapar outras medidas regresivas como o novo céntimo sanitario e a suba do combustible, co agravante de que serán impostos que pagarán igualmente unha persoa en paro ou Amancio Ortega. Fronte a isto, o BNG defende unha reforma fiscal xusta cambiando o modelo de financiamento para contar con máis recursos.
Avogamos, manifestou por unha reforma fiscal que grave ás rendas máis altas, crear un imposto sobre as grandes superficies comerciais e empresas pola contaminación do medio ambiente.
Asemade, o BNG proporá a autonomía fiscal plena e que as empresas tributen en Galiza e non en Madrid o que suporían 1.000 millóns de euros para as arcas públicas galegas.
O BNG reclama parar a venda de Novagalicia Banco e crear unha tarifa eléctrica galega
Pontón tamén aludiu a outras propostas entre as que destacou: a paralización da venda de Novagalicia Banco, a creación dunha tarifa eléctrica galega , unha quita ás hipotecas e a defensa do idioma galego coa inmediata retirada do decreto.
A loita contra o paro e a emigración xuvenil obriga a aproveitar a capacidade produtiva galega a través de iniciativas de apoio ao agro, pesca sector naval e eólico ao que sumou máis investimento en I+D+i.
A nacionalista apostou polo emprego de calidade e medidas de política social que conleven a eliminación do repago d@s enferm@s crónicos, loitar contra a pobreza creando unha renda de garantía social para poder vivir dignamente, protección dos desafiuzad@s e reducir o 50% dos gastos da Cidade da Cultura para destinalos ao sector do libro e ás artes escénicas.
Finalmente volveu reclamar a entrega da documentación solicitada sobre Marcial Dorado e da trama Gürtell así como unha reforma electoral e do regulamento do Parlamento co obxecto de convertelo en máis democrático e áxil e con maior capacidade para dar resposta aos problemas de Galiza.
Consulta aguí as 100 propostas do BNG