O BNG potenciará o medio rural como elemento estratéxico para o crecimento económico de Galiza
04 out. 2012 - 18:17
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometuse cos representantes das principais organizacións agrarias a traballar proactivamente dende o 21 de Outubro para atender as súas demandas e garantir así a potenciación do medio rural como elemento estratéxico da política de crecimento que precisa Galiza.
Jorquera asegurou que de ter responsabilidades de goberno, o BNG traballará nesta dirección pero advertiu que a actual Xunta ten que actuar xa, porque o sector está nunha situación límite, cos prezos do leite máis baixos do Estado, e precisa dunha intervención directa do goberno.
Inspección e sancións ás grandes distribuidoras
Neste sentido, o candidato nacionalista denunciou as prácticas ilegais e fraudulentas que están realizando as grandes distribuidoras en detrimento do leite galego e lembrou que a administración ten mecanismos de inspección e de sanción para facerlles frente pero non os exerce.
Para Jorquera, a fixación de prezos por contrato obrigatorio ten que ser froito do acordo das partes e se non hai acordo o goberno galego ten que arbitrar e garantir uns prezos xustos e ten ferramentas para facelo, reiterou.
Sector estratéxico
O candidato do BNG lembrou que o sector primario é estratéxico para Galiza e advertiu que non hai País desenvolvido que construise o seu progreso dende o abandono do seu medio rural.
Galiza pasou de ser a despensa de España, como adoitaban dicir, a que agora a maior parte dos productos que consumimos sexan productos importados.
Jorquera explicou que cómpre invertir esta situación porque non só están en xogo máis de 12.000 explotacións senón tamén o futuro económico de comarcas enteiras.
De non se corrixir tanto os problemas estructurais como os máis inmediatos que padece nestes momentos o rural, atoparémonos co peche de explotacións e coa desertización económica e humana de comarcas enteiras.