O BNG ANTE AS NORMAS DO HÁBITAT GALEGO
18 abr. 2008 - 17:19
A aprobación das Normas do Hábitat Galego -que entraron en vigor o xoves 17 abril- determinará unha serie de obrigas para os construtores de vivendas. O BNG, desde a súa responsabilidade de goberno, aposta por situar ao noso país na vangarda da calidade arquitectónica a nivel de Estado, así como garantir o dereito á vivenda que asiste a todos os galegos e galegas para facer efectivo o cambio galego polo que tantos cidadáns apostaron nas pasadas eleccións autonómicas.
Destacan dentro das medidas o aumento da superficie mínima de 26 a 40 metros cadrados; a obriga de que todas as estancias sexan exteriores, con excepcións definidas; ou o incremento de anchura nos corredores e nas portas, así como o espazo entre teito e solo, entre outras. Esta normativa, promovida pola consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, está suscitando a oposición de algúns representantes dos construtores e tamén da Fegamp, presidida por Carlos Fernández, do PSOE, dando lugar unha pinza PP-PSOE contra a consellaría dirixida polo BNG.
O BNG considera que esta lexislación dá forma a unha política de vivenda progresista e avanzada, acorde coas demandas da sociedade galega e aproveitando ao máximo o noso autogoberno. Por iso, está recibindo apoios de sectores como a Cogami, os colectivos ecoloxistas ou a directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. O BNG aposta por unha política de vivenda pensada no interese colectivo. O obxectivo dos nacionalistas galegos é gobernar para todos, pero somos conscientes de que ás veces non se pode contentar todos.