O BNG MANTERÁ ESTE MÉRCORES "A PRIMEIRA XUNTA FORMAL" CO PSOE E AS NEGOCIACIÓNS VAN TER DÚAS FASES

O BNG MANTERÁ ESTE MÉRCORES "A PRIMEIRA XUNTA FORMAL" CO PSOE E AS NEGOCIACIÓNS VAN TER DÚAS FASES

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, afirmou este mediodía nos corredores do Congreso que “na negociación co grupo socialista, o BNG vai ter moi en conta que dispór existe a facer unha interpretación aberta do Regulamento para permitir a constitución de Grupos parlamentares e evitar que o Grupo Mixto sexa un totum revolutum”.
“Imos ter moi en conta se a composición da Mesa da Cámara reflexa o pluralismo real, se reflexa o papel relevante que as minorías nacionalistas imos ter, se hai unha actitude de respecto á pluralidade da Cámara e polo tanto, unha actitude aberta a arranxar a situación do Grupo Mixto”· Neste sentido, lembrou que existen precedentes de leituras abertas do Regulamento da Cámara.
Jorquera explicou que mañá mesmo manterá a primeira xunta formal co grupo socialista e que as negociacións co BNG “van ter lugar en dúas fases”. Unha primeira na que se negociarán aspeitos que afectan ao Regulamento do Congreso, á presidencia da Cámara, á composición da Mesa da Cámara, e “poremos enriba da mesa a necesidade de permitir a subdivisión do Grupo Mixto”. Nunha segunda fase, indicou, “entraremos nunha rolda de conversas de cara a definir posicións na votación para a investidura”.
Advertiu que o BNG vai entablar unha negociación e tomará posición en función da resultante tras a negociación final. Recalcou a importanza de arranxar a situación do Grupo Mixto porque “un Grupo Mixto integrado por sete forzas políticas non é un grupo operativo, é necesario unha leitura aberta do Regulamento para arranxar isto”.
Jorquera sinalou que non hai novidades ao respecto e que “mantemos interlocución co resto das formacións que integrarían o Grupo Mixto”. Engadiu que “estamos a estudar diversas fórmulas”. Para o deputado nacionalista “é básico que se permita que distintas forzas políticas se agrupen de cara a conformar grupos, e que haxa dous grupos no canto dun só. Eso é polo que avogamos. O Grupo Mixto exixe un tratamento singular que redundaría nun mellor funcionamento da Cámara. A primeira proposta que facemos é que se poidan constituir dous Grupos parlamentares”.

O BNG MANTERÁ ESTE MÉRCORES "A PRIMEIRA XUNTA FORMAL" CO PSOE E AS NEGOCIACIÓNS VAN TER DÚAS FASES