O BNG MAIS FORTE EN MADRID!

O BNG MAIS FORTE EN MADRID!

"Como vaticinamos, nun resultado sen maiorías
absolutas, os votos do BNG serán decisivos"
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, fixo esta noite a valoración dos resultados eleitorais por parte do Bloque Nacionalista Galego que significan “un aumento de votos con respeito a hai catro anos, un aumento porcentual no ámbito de Galiza e no do Estado español”.
En vista deste resultado o BNG dixo que “temos que amosar a nosa satisfación co resultado acadado. Resultado non só do BNG, senón que o panorama que se presenta é favorábel a participación do nacionalismo con carácter decisivo no ámbito estatal”.

“Nesta lexislatura”, continuou, “o BNG vai ser decisivo en moitas ocasións en Madrid e nós podémonos comprometer hoxe a que cada vez que sexa decisivo, o BNG vai repercutir en beneficios para os cidadáns galegos”.
O líder nacionalista destacou o feito de que se dea un panorama “como nós vaticinamos, sen maiorías absolutas e no que os votos do BNG serán decisivos en moitas ocasións e iso vai ser en beneficio de Galiza e os galegos e galegas”.

O portavoz nacional quixo aproveitar a ocasión para felicitar ao Partido Socialista e amosou o seu convencemento de que “o resultado democrático que os cidadáns deparan terá que ser tamén positivo para o conxunto do Estado”.
Anxo Quintana trasladou na súa intervención “o noso inmenso agradecemento a todos os cidadáns que optaron polo Bloque Nacionalista Galego porque son milleiros de persoas as que optaron polo BNG nunha situación difícil, unha campaña pensada para dous, pensada para consolidar o bipartidismo, na que se quixo excluír a Galiza. Mesmo nesa situación, milleiros de cidadáns optaron polo BNG e por colocar a Galiza no panorama político do Estado”.
Tal e como explicou o líder do Bloque, “sabemos que non era fácil. O fácil nesta campaña era optar polas dúas grandes forzas políticas estatais, pero é evidente que existen milleiros de cidadáns que, sobre todo e ante todo pensan en Galiza”.
O portavoz nacional dirixíuse a estes cidadáns para dicer: “pódolles asegurar que non se van arrepentir. Durante catro anos van ter moitas ocasións para felicitarse pola súa decisión porque comprobarán que a presenza do BNG en Madrid que eles hoxe nos outorgan cos seus votos vai ser positiva para Galiza e poderán ver representada o que foi a súa vontade e os seus desexos”.

O portavoz do Bloque quixo tamén “felicitar de todo corazón aos militantes, compañeiros e compañeiras do BNG” e asegurou sentirse “tremendamente orgulloso de ser o portavoz nacional desta organización política”. Son centenares de persoas que en toda Galiza fixeron un esforzo sobrehuman para poder conseguer este resultado. Grazas ao seu esforzo o BNG é case a única forza política que sube en votos e en porcentaxe, excluíndo ás dúas grandes forzas estatais”.

O BNG MAIS FORTE EN MADRID!