O BNG CONSEGUE O SEU OBXECTIVO DE FACER MÁIS OPERATIVO O GRUPO MIXTO

O BNG CONSEGUE O SEU OBXECTIVO DE FACER MÁIS OPERATIVO O GRUPO MIXTO

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, anunciou esta tarde nunha rolda de prensa na Cámara Baixa que “ante a actitude intransixente do PSOE, o BNG decide facilitar a formación do grupo parlamentar de ERC-IU-ICV”.
Jorquera explicou que “unha vez constatada a falta de vontade política do grupo maioritario da Cámara, o BNG decidiu prestar os seus deputados para que IU-ICV e ERC poidan conformar grupo parlamentar propio no Congreso”. Recalcou que coa aportación do BNG, este grupo terá “máis do 5% estatal exixido, é indiscutíbel que dese xeito reúnen todas as condicións regulamentarias”. Enfatizou que o “BNG dá este paso para contribuir a mellorar o funcionamento da Cámara e contribuir ao respecto polo pluralismo político”.
Fixo especial fincapé na falta de vontade política por parte do PSOE porque “forzas políticas que hai catro anos reunían o 4,97%, a tres centésimas da porcentaxe do 5%, puideron formar grupo daquela. Ante a rixidez do PSOE nesta ocasión, o BNG decide dar un paso ó fronte e contribuir a que formen grupo parlamentar”. Dese xeito, puntualizou, “logramos o obxectivo marcado de que o Grupo Mixto se subdivida en máis dun grupo parlamentar”.

O BNG continuará adscrito ó Grupo Mixto
Subliñou que se trata dunha solución técnica para “acadar o obxectivo fixado” pero non “significa unha alianza política coas forzas do grupo. Non é vontade do BNG permanecer no grupo parlamentar con ERC e IU-ICV senón que a nosa vontade é a de continuar adscritos ó Grupo Mixto nos vindeiros catro anos”. “Damos este paso pero sen vontade de permanencia no grupo”, afirmou.


Obxectivo básico do BNG cumprido
Francisco Jorquera remarcou que para o BNG era un obxectivo básico lograr a subdivisión do Grupo Mixto “convencidos de que esa división mellorará o traballo parlamentar e o funcionamento da Cámara que estará mais dacorde co pluralismo político existente”.
Explicou que o BNG estudou nestes días fórmulas xurídicas e tivo contactos con outras forzas políticas. “Consultamos a posibilidade de constituir grupo conxunto con CC ou con Nafarroa Bai, e seguimos convencidos de que esta opción tiña plena validez xurídica e cabida no Regulamento”, e engadiu que “igual que tiña soporte que IU-ICV puidera facer grupo”.

Constatamos que se existen dificuldades non están no Regulamento senón na ausencia de vontade política por parte das forzas políticas maioritarias”, en alusión ao PSOE, “forzas que incluso incorren en contradicións respeito ás decisións tomadas en pasadas lexislaturas nas que se permitiu a formación de grupos parlamentares cando non chegaban ao 5% no ámbito estatal”.
Acusou ao PSOE de “total e absoluta falta de vontade política á hora de interpretar dun xeito flexíbel o Regulamento da Cámara. Desexamos que o talante que tanto se invocou non se converta agora nunha actitude ríxida”.
Agradeceu a CIU e PNV a súa disposición para co BNG, “unha colaboración que incluso se traduciu no oferecemento de deputados para formar grupo co BNG”.

O BNG CONSEGUE O SEU OBXECTIVO DE FACER MÁIS OPERATIVO O GRUPO MIXTO