O BNG ACORDA EN LUGO AS DEMANDAS QUE FARÁN NO CONGRESO E NO SENADO PARA A PROVINCIA

O BNG ACORDA EN LUGO AS DEMANDAS QUE FARÁN NO CONGRESO E NO SENADO PARA A PROVINCIA

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe en Lugo os obxectivos e eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid relativos á provincia nos vindeiros catro anos no Congreso e no Senado, que estarán centrados en “poñer sobre a mesa do Goberno do Estado os problemas e necesidades da provincia de Lugo e aproveitar o actual escenario sen maiorías absolutas no Estado para facer valer os intereses de Galiza en Madrid”, segundo explicaron o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, e o representante do Bloque no Senado, Xosé Manuel Pérez Bouza.

Cinco eixos fundamentais

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, detallou os cinco eixos fundamentais do traballo do BNG en Madrid nesta lexislatura relativos á provincia de Lugo. En primeiro lugar, que “a política do Estado non free o autogoberno de Galiza e non perxudique os intereses do noso país, demandando ademais novas competencias como o tráfico, o traspaso dos portos de interese xeral, como o de San Cibrao, ou o salvamento marítimo, para crear unha base estable na Mariña dotada dos medios materiais e humanos necesarios para poder actuar en caso dun accidente fronte ás nosas costas”.

A continuación, Jorquera demandou que “se incremente o investimento do Estado en Galiza para correxir os déficits actuais en infraestrutura, de xeito que nesta lexislatura se acometa a modernización do ferrocarril na provincia e a chegada do AVE a Lugo, así como para rematar a rede viaria na provincia a través das autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense”. Ademais, sinalou como obxectivo que “se favorezan os sectores produtivos galegos, entre eles o sector agrogandeiro, a través dun aumento da cota láctea asignada aos gandeiros galegos como corrección dunha situación de inxustiza histórica derivada dunha nefasta negociación para os intereses galegos da entrada na UE, algo fundamental na provincia de Lugo, que produce o 16% do total da cota láctea de todo o Estado”.

Así mesmo, demandou que “se logren avances sociais e democráticos, como unha reforma do voto emigrante que garanta a limpeza e transparencia do proceso a través do voto en urna, ou unha lei de prazos do aborto que garanta o dereito das mulleres lucenses a abortar nos tres hospitais públicos da provincia, os de Burela, Lugo e Monforte”. Por último marcou como obxectivo que “o Estado destine a Galiza o 10% dos investimentos en Servizos Sociais para poder atender á poboación dunha provincia como Lugo, moi envellecida e dispersa e que concentra unha taxa moi elevada de persoas de pendentes (11.200 en toda a provincia).

Francisco Jorquera anunciou tamén que serán presentadas iniciativas contra o decreto de Correos e o que suprime a tarifa eléctrica nocturna, dous decretos estatais moi perxudiciais para Galiza, así como para garantir o acceso a internet no rural.


Un equipo de traballo estábel

Jorquera e Pérez Bouza reuníronse hoxe en Lugo con membros da Executiva Comarcal do BNG para deseñar a estratexia para a provincia de Lugo no Congreso e no Senado, na que Paz Abraira será “o nexo da provincia de Lugo cos deputados e senadores do BNG en Madrid e vai coordenar o equipo de traballo encargado de trasladar a Madrid as demandas e necesidades da provincia de Lugo”, tal como explicou Francisco Jorquera. Sobre este novo papel da que fora cabeza de lista do BNG nas pasadas eleccións xerais o responsábel comarcal do BNG e vicepresidente da Deputación, Antón Bao, explicou que “o BNG deseñou unha estrutura que lle vai permitir á provincia de Lugo ter voz directa en Madrid”.

O senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza anunciou, pola súa banda, que o BNG pretende facer un “traballo de proximidade” e comprometeuse a “vir á provincia de Lugo a reunirse cos veciños para recoller directamente as súas demandas ao Estado”. “A partir de hoxe verédesnos moito por aquí”, anunciou aos medios de comunicación.


O BNG ACORDA EN LUGO AS DEMANDAS QUE FARÁN NO CONGRESO E NO SENADO PARA A PROVINCIA