O BNG ABSTENSE NA VOTACIÓN DE BONO PORQUE "POLO DE AGORA NON VEMOS UNHA ACTITUDE FLEXÍBEL NO PSOE"

O BNG ABSTENSE NA VOTACIÓN DE BONO PORQUE "POLO DE AGORA NON VEMOS UNHA ACTITUDE FLEXÍBEL NO PSOE"

O BNG decidiu absterse na votación de José Bono como Presidente do Congreso dos Deputados, mentras que votaba a favor dos candidatos de CIU (Jordi Jané) e PNV (Joseba Belloqui) como membros da Mesa da Cámara.

O deputado do BNG, Francisco Jorquera, explicou en declaracións aos medios de comunicación que “a nosa decisión de nos abster, no canto de votar en contra, é unha mostra de boa vontade porque continuamos abertos ao diálogo co PSOE, máis temos que dicer que polo de agora non nos consideramos satisfeitos coas respostas do PSOE aos plantexamentos realizados polo BNG”, en referencia á solicitude do BNG e doutros grupos para que o Grupo Mixto se subdivida.

Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila tomaban posesión das súas actas de deputados na sesión de Constitución das Cortes Xerais que tiña lugar esta mañá no Congreso dos Deputados, onde tamén se votaban os órgaos da Cámara: a Presidencia e a Mesa do Congreso. Jorquera subliñou que o BNG votou favorabelmente ó candidato de CIU, Jordi Jané, á vicepresidencia da Mesa do Congreso, e tamén ao candidato do PNV, Joseba Belloqui, a secretario da Mesa para “ter unha Mesa da Cámara plural e que teña presenza nacionalista”.

Discrepancia coa figura de Bono

Jorquera sinalou que “o noso voto en branco a Bono é tamén unha manifestación da nosa discrepancia coa figura de Bono, un home sectario e moi hostil aos nacionalismos que nunca se caracterizou pola súa prudencia nen polo seu equilibrio á hora de buscar consensos, que é precisamente o que se agarda dun Presidente do Congreso”.

Neste sentido, Jorquera salientou que “é a primeira vez que un Presidente é eleito nunha segunda volta e incluso non tivo o voto dalgúns deputados da súa forza política. En primeira votación tivo 168 votos, e na segunda votación 170 cando votaron a favor CC e IU, iso quer dicer que incluso houbo deputados do PSOE que se inhibiron de votar”. Desexamos que Bono faga realidade o seu discurso xa que se comprometeu a ser un Presidente de todos. Nese sentido, ten a man tendida do BNG para que con feitos demostre que vai ser un bón Presidente”.

Investidura e negociacións para formar grupo parlamentar

Recalcou que “de cara á sesión de investidura, seguiremos negociando co grupo socialista aínda que debemos advertir que en ningures está escrito que teñamos que apoiar a José Luis Rodríguez Zapatero. O BNG continuará aberto á negociación con espíritu construtivo”. Resaltou que teremos moi presente a actitude do PSOE respeito ao tema de partillar o Grupo Mixto e “imos entablar unha negociación de carácter político e programático co PSOE, na que poremos sobre a mesa aspeitos que deben ser abordados na axenda política desta lexislatura”.

Así enumerou a necesidade de que Galiza incremente o seu autogoberno, que se aseguren os investimentos do Estado para Galiza para saldar a débeda histórica que o Estado ten co noso pais, especialmente en infraestruturas, a atención a sectores económicos básicos do noso pais e “acometer reformar legais que consideremos necesarias por saúde democrática como é a do voto dos residentes ausentes. Se estas cuestións son atendidas por parte do grupo socialista e existe un compromiso de abordalas nestes catro anos o BNG ten a mellor disposición a poder votar favorabelmente”.

Respeito ó estado das conversas para que o Grupo Mixto se subdivida, o parlamentar nacionalista enfatizou que “esta semán será decisiva para coñecer o desenlace das consultas e as negociacións en curso” aínda que recalcou que “non estamos observando unha actitude flexíbel por parte do PSOE á hora de propiciar que o Grupo Mixto se poida dividir e formar grupos parlamentares”.

O BNG ABSTENSE NA VOTACIÓN DE BONO PORQUE "POLO DE AGORA NON VEMOS UNHA ACTITUDE FLEXÍBEL NO PSOE"