Pensa o Goberno galego construír nesta lexislatura o novo centro de saúde do Concello do Saviñao?
Esta é a pregunta que ven de presentar o BNG no Pleno do
Parlamento de Galiza.
Desde o BNG levamos máis de dez reclamándolle ao SERGAS e ao Concello do Saviñao solucións para este problema, pero neste tempo o goberno do PP non foi capaz de buscar solución e dar alternativas aos problemas dos vecinos e veciñas do Saviñao.
No ano 2016 a Xunta de Galiza a través do SERGAS publicou o anuncio de licitación do servizo de redacción do proxecto básico, de execución e de dirección da obra de construción do novo centro de saude de Escairón (Resolución do 29 de xullo publicada no DOG nº160 do 25 de agosto de 2016).
En febreiro de 2017 o DOG publica a formalización da contratación do devandito proxecto por un valor estimado de 49. 913 euros. Para ese ano, o presidente da Xunta de Galiza compromete un investimento de 250 mil euros para a súa construción.
A día de hoxe, as veciñas e veciños do Saviñao descoñécemos o grao de desenvolvemento do proxecto e os prazos cos que está a traballar o Goberno galego para o inicio das obras e a súa posta en funcionamento.
Por todo o exposto o BNG do Saviñao, a través do grupo parlamentar ven de formular no parlamento galego unha batería de iniciativas para concretar a información que temos sobre a construcción do novo centro de saúde.
Formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en Comisión /resposta escrita:
- En que fase se atopa o proceso de construción do novo centro de saúde do Concello do Saviñao?
- Cal é o grao de execución das partidas orzamentarias destinadas a este proxecto nos últimos anos?
- Que contía destinará o Goberno galego en 2018 a financiar a construción do devandito centro de saúde?
- Con que prazos temporais está a traballar o Goberno galego e cal será a data na que a veciñanza e o persoal sanitario deste concello poderán facer uso das novas instalacións?
- Con que dotacións contará o servizo?
- A que se debe o retraso de máis dunha década na construción deste novo centro de saúde?
- Pensa a Xunta de Galiza que está a cumprir coas sucesivas promesas electorais que o Partido Popular fixo á veciñanza do Saviñao?
Tamén solicitamos a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento nos sexa remitida toda a documentación referida ao proxecto de construción do novo centro de saúde do Concello do Saviñao así como as partidas orzamentadas desde 2009 para este servizo e as previsións de cara ao futuro das que dispoña a Xunta de Galiza.
O BNG tamén formulou a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en
Pleno/Comisión:
O Parlamento insta a Xunta de Galiza a iniciar coa maior celeridade posíbel as obras de construción do novo centro de saúde no Concello do Saviñao e a pór en funcionamento as novas instalacións antes de finalizar a presente lexislatura.
E tamén para clarificar a situación, formulamos a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Pleno:
- Pensa o Goberno galego construír nesta lexislatura o novo centro de saúde do Concello do Saviñao?