Guillerme Vázquez esixe en Monforte axudas directas ao lácteo "porque atravesa unha situación de emerxencia"

Guillerme Vázquez esixe en Monforte axudas directas ao lácteo "porque atravesa unha situación de emerxencia"

“A Xunta debe actuar para, en coordinación co Estado, garantir aos produtores prezos dignos e asegurar que as industrias lles recollan o leite”
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, instou esta tarde á Xunta a que, en coordinación co Goberno do Estado, destine “axudas directas” ao sector lácteo galego porque “atravesa unha situación de emerxencia socialmente moi preocupante”.

Guillerme Vázquez pronunciouse nestes termos durante o mítin que se celebrou esta tarde en Monforte de Lemos no que tamén interviron o alcalde, Severino Rodríguez, o candidato Cosme Eladio Pombo, e a número un do BNG na lista ás Eleccións Europeas, Ana Miranda. “

A Xunta non pode continuar en actitude pasiva. Debe actuar e debe facelo xa, porque nos estamos a xogar a futuro do campo galego”, afirmou Guillerme Vázquez. “Hai que facer dúas cousas e facelas xa. Primeira, intervir para que os gandeiros reciban un prezo xusto polo leite, sempre por enriba dos custos de produción. Segundo, hai que garantir que as empresas, que as industrias, recollan o leite aos produtores”.

A non recollida de leite está a colocar o sector nunha situación extremadamente delicada e socialmente explosiva, avaliou Guillerme Vázquez. “Non podemos ficar de brazos cruzados mentres Pascual rescinde unilateralmente o seu contrato coa cooperativa Melisanto, ou cando se producen conflitos puntuais entre industrias e produtores como os que se están a vivir na Mariña luguesa. A Xunta debe actuar. E debe facelo para garantir que o traballo dos produtores sexa dignamente retribuido e para garantir, por suposto, que se lles recolla o leite”, engadíu.

O derrotismo do PP
O líder do nacionalismo galego acusou ao PP de ter unha posición “derrotista” perante esta situación. “Co PP volven as políticas do abandono e do derrotismo ao campo galego. O PP non é capaz de ofrecer nengunha alternativa aos gandeiros que producen leite a 37 centimos e se ven obrigados a vendelo a 25”, denunciou Guillerme Vázquez.
“Si que hai solución para o campo galego, pero esa solución debe ser política e iso pasa por que o Goberno da Xunta teña vontade de actuar en sentido positivo”, alegou.
“Con vontade política se pode mesmo presionar á Comisión Europea para que adopte medidas que garantan a elevación dos prezos do leite, tal ecomo se ten feito co aceite. O problema é que o PP non ten vontade política. O problema é que o PP non acredita no campo galego”, proclamou o número un do BNG.

Defensa do galego
O portavoz nacional defendeu na súa intervención a proposta nacionalista de “outra Europa”, fronte á Europa dos “Berlusconis e Sarkozys que avala esa Constitución Europea á que millóns de cidadáns dixeron que non”.
Por iso, o líder nacionalista apuntou que o BNG é “o único que está a facer propostas en campaña electoral, fronte ao silencio de PP e PSOE. Somos unha nación europea con lingua propia, a lingua dos nosos pais e avós que será tamén a dos nosos fillos, queiran ou non”.
Neste sentido, Vázquez ironizou co odio que determinados sectores reaccionarios amosan contra o galego, “se puideran faríanse a cirurxía estética para extirparse calquera rastro de galego, mesmo o seu acento”.

“Defenderemos en Europa aos viticultores da Ribeira Sacra”
Pola súa parte, a candidata do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, amosou o compromiso do BNG para defender en Bruxelas “o modelo de viticultura galega, un modelo baseado na calidade e amparado polas denominacións de Orixe, como o que se practica na Ribeira Sacra”.
Neste sentido, Ana Miranda subliñou que “os próximos anos van ser decisivos para a viticultura galega, xa que en Bruxelas vaise negociar a reforma da OCM do Viño”. Así, lembrou que “no ano 2015 está previsto que se liberalicen os dereitos de plantación, algo que prexudicaría ao modelo de Denominacións de Orixe, como a da Ribeira Sacra·”. Por iso, insistiu na necesidade de que “o BNG estea presente no Parlamento Europeo para que os intereses dos nosos viticultores e viticultoras tamén sexan defendidos”·.

Guillerme Vázquez esixe en Monforte axudas directas ao lácteo "porque atravesa unha situación de emerxencia"