ALTERNATIVAS DO BNG ANTE A CRISE E A PASIVIDADE DO GOBERNO ESTATAL

ALTERNATIVAS DO BNG ANTE A CRISE E A PASIVIDADE DO GOBERNO ESTATAL

O Goberno do Estado continúa a eludir teimudamente o emprego da palabra crise para designar o que xa ameaza con se converter nunha profunda recesión económica. Esa resistencia do goberno español explícase porque o PSOE non quer asumir a responsabilidade política de ter concorrido ás pasadas eleccións xerais coa negación da crise como bandeira. Negación que era tanto como negar a evidencia. E explícase tamén porque admitir que estamos nunha crise levaría aparellada necesariamente unha reflexión crítica sobre as políticas económicas seguidas até o de agora, por ser estas en parte as causantes do cambio de ciclo na economía. O que o PSOE non quer facer baixo nengún conceito é mudar de política económica, unha política substancialmente continuista a respecto das directrices marcadas por Rodrigo Rato durante os 8 anos de Goberno Aznar.

O BNG si ten alternativas. O BNG si ten unha política económica substancialmente distinta da que preconizan as forzas políticas estatais, a mesma que está na orixe da crise actual.

O PSOE, como antes o PP, teñen practicado unha política orzamentaria e fiscal de carácter neoliberal, profundamente regresiva ao privilexiar a tributación indirecta sobre a directa (co cal no se cumpre o principio de que paguen máis os que máis gañan) e claramente antisocial ao traducirse na perda de posicións das rendas salariais fronte ás rendas do capital.

O Goberno do Estado, con Solbes ou con Rato como ministros de Economía, non tomou nengunha medida para previr o colapso da burbulla inmobiliaria e, polo contrario, teñen promovido un modelo de desenvolvimento baseado no ladrillo e non no investimento en actividades produtivas de alto valor engadido. A consecuencia é o maior déficit comercial do planeta, por enriba do dos Estados Unidos, e consecuentemente unha perda de competitividade da economía do Estado no mundo.

Fronte á crise, as medidas que agora propón o Goberno do Estado ?400 euros, supresión do imposto do patrimonio, veladas ameazas de privatización das pensións públicas, incremento das tarifas eléctricas- son claramente contraproducentes. E sono porque, lonxe de ir á raíz da crise, pódena agravar ao reducir a capacidade de intervención do sector público na economía vía recortes fiscais e ao empobrecer aínda máis ás clases traballadoras, que son as principais vítimas do incremento dos prezos e do deterioro dos servizos públicos. Se tedes dúbidas sobre o efecto que sobre as economías domésticas teñen as medidas adoptadas polo Goberno do Estado, non vaciledes en recorrer ao simulador da tarifa eléctrica que ten posto en marcha o Inega: http://www.inega.es/simulador_factura/simulador_luz.php.

Fronte á crise, o que cómpre é levantar un modelo alternativo. Un modelo que pase polo fortalecimento da política social e polo desenvolvimento de políticas públicas ambiciosas. Cómpre unha política orzamentaria expansiva que permita investir máis en educación, en I+D+I e na mellora dos servizos públicos.

Isto non é retórica. É posíbel facelo. É xusto o que está a facer o nacionalismo desde o Goberno galego, con programas como a construción de 45.000 vivendas protexidas no noso país, a posta en marcha dun concurso eólico autocentrado e con participación pública, o reforzo dos servizos públicos de calidade ou a mobilización de recursos produtivos que outros gobernos tiñan ociosos no agro galego através do Banco de Terras.

Ante a crise hai dúas respostas posíbeis. A escapista e irresponsábel dun Goberno do Estado que finxe non ver a realidade e que está a velas vir e a capear o temporal. E a responsábel, a do nacionalismo galego, consistente en apostar por unha economía produtiva e autocentrada desde a utilización de todos os recursos do sector público.

ALTERNATIVAS DO BNG ANTE A CRISE E A PASIVIDADE DO GOBERNO ESTATAL