Situación financeira do BNG a 31 de decembro de 2014 e orzamento 2015

Situación financeira do BNG a 31 de decembro de 2014 e orzamento 2015

O Consello Nacional acordou trasladar a toda a militancia do BNG os acordos adoptados en relación co estado de ingresos e gastos da organización nacional durante o ano 2014, así como o orzamento aprobado para o ano 2015. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose na páxina web oficial do BNG.

En relación co ano 2014, o Consello Nacional valorou como evidente síntoma de consolidación e mellora organizativa do BNG o incremento substancial de ingresos no que ten a ver co esforzo e achegas de militantes e simpatizantes (isto é: cotas, achegas de deputad@s e concelleir@s, venda de lotaría, de material de propaganda, etc.).

Neste ámbito, o que ten a ver co esforzo militante, comprobamos uns ingresos que superan en 223.741’11 euros o inicialmente previsto polo propio Consello Nacional para o ano 2014. A conclusión é ben clara: A entrega militante e o traballo da súa base social organizada fan do BNG un caso único no concerto de formacións políticas existentes na Galiza e no Estado español. Non hai ningunha outra na que o compromiso da súa militancia supoña unha porcentaxe similar nos ingresos, segundo os informes de fiscalización oficiais.

Todo isto cobra máis valor tendo en conta o impacto da crise económica nunha parte moi importante da nosa militancia: os dramas do desemprego, da emigración, da precariedade e explotación no posto de traballo, dos baixos salarios, non son situacións alleas á vida dun segmento relevante da nosa militancia, o que repercute na capacidade económica colectiva. Simultaneamente, baixaron até un 40% os ingresos procedentes dos subsidios estatais.

Estes son os datos concretos dos ingresos obtidos no ano 2014:

No tocante aos gastos, cabe destacar o importante esforzo destinado a sanear financeiramente o BNG (amortización de débeda), que representou nada menos que o 53’7% do total de gasto.

Supera tamén o inicialmente previsto a partida destinada á defensa xurídica de militantes e simpatizantes do BNG que padeceron denuncias ou persecución derivada da súa actividade política.

Estes son os datos concretos correspondentes aos gastos nacionais no ano 2014:

* Esta contabilidade non inclúe o orzamento específico das eleccións ao Parlamento europeo de 2014. No seu día foi xa comunicado a toda a militancia.

O saldo final rexistrado no ano 2014 é favorábel: 51.000 euros de superávit.

* Cómpre ter presente que, a diferenza doutras organizacións políticas, o BNG non gozou de ningunha condonación de débeda ou trato de favor por parte de ningunha entidade bancaria.

En relación co ano 2015, este é o orzamento aprobado polo Consello Nacional do BNG:

* Os gastos e ingresos correspondentes aos procesos electorais do 2015 -municipais e xerais- contarán con cadanseu orzamento específico, que será aprobado polo Consello Nacional, e do que se dará conta á militancia.

** A asemblea de traballadoras e traballadores do BNG acordou solicitar do Consello Nacional a conxelación dos seus salarios durante o ano 2015 como contributo ao saneamento financeiro da organización.

Finalmente, queremos trasladar os criterios políticos que explican a evolución positiva das finanzas do BNG:

1. Os obxectivos primordiais seguen a ser acadar a superación da débeda contraída e depender en maior medida dos ingresos propios da organización. O camiño emprendido vai xustamente nesta dirección.

2. As decisións políticas adoptadas nos procesos electorais -non subscrición de créditos bancarios, renuncia ao correo masivo (“mailing”), sobriedade nos soportes básicos de campaña, etc.- considerámolas acertadas desde unha perspectiva de responsabilidade colectiva e de coherencia política. Queremos lembrar que a pasada campaña electoral ao Parlamento europeo foi exclusivamente autofinanciada con recursos propios e a cota extra entre a militancia.

3. Nada do enunciado sería posíbel sen a participación e o traballo da militancia nacionalista. Non temos palabras para expresar o noso orgullo por este compromiso militante. Queremos parabenizar a militancia do BNG pola súa entrega e polo resultado deste inxente esforzo colectivo.

Situación financeira do BNG a 31 de decembro de 2014 e orzamento 2015