#proponconnosco

#proponconnosco

.


Construíndo futuro

imaxe
Este documento nace como síntese da primeira rolda de debate interno realizada pola militancia do BNG nas súas Asembleas Comarcais celebradas após as eleccións do 21-O. Este documento está destinado a servir de motor para o debate que o BNG quere agora abrir a toda a base social nacionalista, para compartir a valoración da situación e os retos que afronta a sociedade galega e o proxecto nacionalista nesta grave encrucillada histórica
A apertura deste debate con axenda aberta e coa vontade de abordar en profundidade os retos que temos por diante realízase co convencemento de que este país precisa, hoxe máis que nunca, unha poderosa organización política xenuinamente galega para conquistar a soberanía, erguer unha alternativa á desfeita neoliberal e construír unha sociedade inclusiva, igualitaria e libre. O BNG leva tempo erguendo esa bandeira con valentía máis somos conscientes que os tempos mudan -e nestes anos mudaron con grande celeridade- de xeito que a nosa organización non sempre soubo atinar á hora de trasladar as demandas e sentimentos daquela parte da sociedade á que pretendemos representar e mobilizar para acadar aqueles obxectivos.
As eleccións do 21-O convertéronse para nós nun indicador de que hai aspectos das nosas propostas, da nosa forma de traballar na sociedade e do noso funcionamento interno que deben ser analizadas colectivamente e postas ao día. O obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e a esquerda, para dotármonos dunha forza social suficientemente ampla que nos permita confrontar o centralismo abafante, camiñar cara a soberanía e defender os intereses desa maioría social triturada polo neoliberalismo e, polo tanto, do país enteiro. Nós somos parte activa desa maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto nacional. Tanto no día a día, no traballo e na vida social como na loita política e na xestión dos asuntos colectivos e públicos.
Buscar o acerto nas propostas e recuperar a ilusión, os afectos e o espírito de traballo mancomunado son os motivos que impulsan estre proceso de debate que agora abrimos coa cidadanía nacionalista, un debate que culminará nunha Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses.

#proponconnosco