O goberno municipal do PP multiplicou por 2,6 a débeda do concello de O Saviñao nun ano

O goberno municipal do PP multiplicou por 2,6 a débeda do concello de O Saviñao nun ano


O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba de facer público os dados do endebedamento dos concellos a 31 de decembro de 2012. Este informe deixa patente a nefasta xestión do Concello do Saviñao, que pasou de ter unha débeda de 277.000€ a finais de 2011 a ter unha débeda de 735.000€ a finais de 2012. Isto supón que multiplicou a súa débeda 2,6 veces nun ano.


Este despropósito de xestión municipal perpetrado polo PP leva ao Concello camiño da ruína de seguires así. Non ten lóxica que despois das políticas de subas de taxas que levou o equipo de goberno, tales como a do IBI, ou a Taxa do Lixo, que lla cobran até aos pendellos que non producen residuos, os recortes en alumeado público, etc e a falla de investimento, agás de chapuzas nos baches que en catro días volven a estar  abertos nas estradas, haxa este inxustificado aumento da débeda pública do Concello.


Dende o BNG levamos tempo denunciando a opacidade do concello nas súas accións e pedindo transparencia, cousa que nun goberno democrático e non caciquil xa existiría, sen ter máis resposta que o silencio e o continuo agochamento das súas accións.


Exiximos unha explicación por parte do Concello da existencia desta débeda, así como a transparencia na xestión. Pedimos unha vez máis a retiradas das dúas dedicacións exclusivas innecesarias creadas nesta lexislatura cuxo único fin é pagar favores políticos cos cartos públicos. Exiximos unha auditoría externa e independente que saque a luz a situación económica real do Concello.


O Saviñao non merece un goberno municipal como este, cuxo resultado é endebedamento, paro i emigración.

O goberno municipal do PP multiplicou por 2,6 a débeda do concello de O Saviñao nun ano