Vence pide a dimisión de Feijóo, Rajoy e de De Guindos pola quita ás preferentes

Vence pide a dimisión de Feijóo, Rajoy e de De Guindos pola quita ás preferentes


O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xavier Vence, pediu  a dimisión do presidente da Xunta de Galiza, Feijóo, do presidente do Goberno central, Rajoy, e do Ministro de Economía, De Guindos, ante “o estado de excepción económica e democrática” que supón a quita ás preferentes e participacións subordinadas. En declaracións aos medios, na manifestación que tivo lugar  en Pontevedra defensa das persoas estafadas pola fraude das preferentes, o portavoz nacional cualificou a aplicación da quita, dun mínimo do 43%, como “un golpe democrático ao pobo”, e amosou o rexeitamento máis rotundo do BNG a este saqueo.
Vence criticou que unha decisión de tal gravidade non pasara por ningún debate parlamentar e fora imposta a través dun decreto lei. Por iso insistiu en esixir a dimisión dos responsábeis do saqueo, máxime cando tanto Feijóo como Rajoy incumpriron, de xeito flagrante, todas as promesas dirixidas ás persoas estafadas pola fraude das preferentes. Aludiu, tamén, ao engano reiterado tanto do presidente da Xunta de Galiza como do Goberno central, que demostran camiñar da man da “banca especulativa e depredadora” e non do pobo.
Ademais, o portavoz nacional do BNG advertiu de que as persoas con preferentes e subordinadas sufrirán unha nova quita cando convertan as accións en líquido. Así, sinalou que a gravidade da decisión do Goberno central de roubarlle ás persoas estafadas os seus aforros, a través da quita, xustifica unha insurrección de carácter cívico, non
Vence, que estivo acompañado na mobilización por unha ampla representación do BNG, entre outros, do portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, de membros da Executiva Nacional, ou do alcalde de Pontevedra, reiterou o apoio da formación frontista ás máis de 62.000 familias afogadas por esta fraude e anunciou que o BNG defenderá na rúa e nas institucións os dereitos destas persoas a recuperar o 100% dos seus aforros. E é que para o BNG a única solución pasa pola devolución íntegra dos cartos, en liquidez, e non en produtos financeiros.
O BNG denunciou sempre a colaboración e a vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta
Na mesma liña, o portavoz nacional salientou que o BNG sempre se opuxo á fraude e á ilegalidade das preferentes e das subordinadas, que foron colocadas a través da farsa máis vil e con información falaz a persoas que non reunían os requirimentos para soportar estes produtos complexos, así como ás repetidas decisións adoptadas polo Partido Popular e tamén por Bruxelas, que lles quitan os cartos ás persoas aforradoras para saciar o enorme burato da banca. Engadiu que o BNG denunciou sempre a colaboración e a vista gorda do Banco de España, do Goberno central e da Xunta de Galiza diante desa política agresiva e fraudulenta das entidades financeiras.
Por último, Vence aludiu ás indemnizacións e remuneracións exorbitantes dos máximos responsábeis da banca coa complicidade do Banco de España e contrapuxo os privilexios dos que disfrutan os altos directivos co afogo que viven as persoas estafadas. Insistiu en que as quitas exacerban a indignación e a desesperación dos afectados e fixo responsábel a Xunta de Galiza e o Goberno central das consecuencias sociais en que derivará este acto de violencia económica e das eventuais consecuencias que terá para a convivencia das persoas.