Vence: “Agora depende do PP que o prezo da recollida do leite sexa superior aos seus custes”

Vence: “Agora depende do PP que o prezo da recollida do leite sexa superior aos seus custes”


Xavier Vence agarda que o Partido popular “cumpra o seu compromiso” cos grupos parlamentarios e sindicatos e traslade á Lei que se está a tramitar no Congreso, “a garantía da viabilidade do sector e camiñar cara un marco de negociación”
Na xuntanza das catro forzas políticas galegas e os sindicatos agrarios, o portavoz nacional do BNG dendendeu incorporar a Lei da Cadena Alimentaria un prezo na recollida do leite superior aos seus custes.
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence participou hoxe, xunto ao portavoz do Grupo parlamentario, Francisco Jorquera e a deputada, Tereixa Paz na xuntanza celebrada no Parlamento galego entre os representantes dos sindicatos agrarios galegos e grupos parlamentarios ao fin de trazar as liñas cara a nova Lei da Cadea Alimentaria.
Vence manifestou, “o respaldo do BNG á presentación dunha emenda que garanta un prezo na recollida do leite superior aos custes”.
Neste sentido, engadiu que na actualidade, o sector leitero padece unha grave crise á que hai que sumar “os baixos prezos na recollida do leite” que non superaran os gastos de produción polo que instou ao Partido popular a defender unha emenda á lei que corrixa esta situación.
Vence mostrouse “crítico” cunha lei que invade competencias galegas e mantén un claro “espírito neoliberal” polo que reivindicou “plena soberanía para o Parlamento galego” á hora de lexislar nos mercados agrarios e en particular no mercado leiteiro.
Por outra banda indicou que “pase o que pase coa tramitación desta lei” en Galiza temos que abrir un proceso que “acabe concretando un marco galego de negociación leiteira”.
Unha Lei neoliberal que invade competencias galegas
O portavoz do BNG lembrou que o Presidente da Xunta comprometeuse, no mes de decembro, co sector que esta lei recollería “a fixación de prezos” que garantan cubrir custes, neste sentido, Vence preguntou si Feijóo cumprirá o seu compromiso ou se novamente deixara desamparado ao sector poñendo de manifesto “ a súa falta de peso político no Estado.”
O Sindicato Labrego Galego, Xovenes Agricultores e Unións Agrarias congratuláronse do apoio das catro forzas políticas e o seu compromiso a defender a emenda no trámite parlamentario no Congreso.
Pola súa parte Vence ratificou que tendo en conta a correlación de forzas, do “Partido popular depende que isto prospere”.
O portavoz do BNG reclamou que “a Xunta de Galiza” exerzas as súas competencias e utilice todos os seus instrumentos, como o Consello galego da Competencia para actuar en favor dos gandeiros”.