A Soberanía será Feminista ou non será

A Soberanía será Feminista ou non será


A responsábel de Acción Feminista do BNG, Goretti Sanmartín defende a autonomía das mulleres como única alternativa para “unha vida digna”
Baixo o lema, “A Soberanía será Feminista ou non serᔠa responsábel da Comisión de Acción Feminista, Goretti Sanmartín acompañada do portavoz nacional, Guillerme Vázquez presentou hoxe a campaña do BNG cara a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres.
Tras o visionado dun vídeo que recolle as experiencias de nove mulleres no traballo político, social e feminista de base e que será remitido ás comarcas, vilas e cidades galegas para o seu debate, a responsábel de Acción Feminista, Goretti Sanmartín asegurou que “só a través da autonomía, as mulleres terán unha vida digna”.
Unha campaña con continuidade en toda Galiza
Sanmartín anunciou que a campaña do BNG non se limitará exclusivamente aos actos do 8 de marzo senón que terá continuidade durante todo o mes con diversas actividades e lembrou que o Bloque Nacionalista Galego apoiará todas as convocatorias do Movemento feminista e os seus diferentes colectivos.
Dende hoxe, dixo, o vídeo presentado poderá ser visionado en distintos soportes dixitais e o cartaz co lema “A Soberanía será feminista ou non serᔠestará presente nas redes sociais e en todas as comarcas e cidades de Galiza.
A responsábel de Acción Feminista manifestou que o 8 de marzo non é só un día para a celebración, “detrás dos actos organizados durante todo o mes, existe un traballo do BNG nas institucións e lugares onde ten presenza, a través de numerosas iniciativas”.
“E ti, de quen vés sendo”, nove mulleres relatan a súa loita
África Sanmartín, Tereixa Otero, Cristina Lerma, Wui Chem, Rocío Fraga, Rosa Gómez Reino, Sigrig Bouzón, Lola Outeral, Sabela Pena son as nove mulleres que protagonizan o vídeo e que falan das súas motivacións para combater en distintas loitas así como da súa relación co nacionalismo, “a idea de ti de quén ves sendo” pretende converter en protagonista a causa que as move, explicou Sanmartín, e neste sentido, engadiu que non é outra máis que poñer o “quén” no centro do feminismo, do ecoloxismo e da solidariedade internacional.
Nesta liña, declarou que “o feminismo engloba: a defensa da terra, a capacidade das mulleres para decidir sobre a súa vida, a reivindicación dos dereitos lingüísticos, cívicos e políticos, tomar decisións sobre o propio corpo e todo isto lévamos a nós e a elas a falar de Soberanía”.
Goretti Samartín coincidiu coas protagonistas do vídeo “E ti de quén ves sendo” na importancia do traballo en rede, de maneira coordinada e dende a base e coa cidadanía”, concluíu.
Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG criticou os recortes en materia de políticas de igualdade do Partido popular e lamentou que en pleno Debate do Estado da Nación, que se está a celebrar no Congreso d@s deputad@s, Mariano Rajoy non anunciara un cambio de rumbo nesta materia.