SECTOR VITIVINÍCOLA E NODO LOXÍSTICO, PRIORIDADES DO BNG PARA A COMARCA DE LEMOS

SECTOR VITIVINÍCOLA E NODO LOXÍSTICO, PRIORIDADES DO BNG PARA A COMARCA DE LEMOS


A eurodeputada nacionalista Ana Miranda desprazouse a Monforte para abordar co alcade, Severino Rodríguez, dous temas prioritarios para o concello e o conxunto da Comarca de Lemos que están na recta final do debate na Unión Europea : a repercusión da Política Agraria Común 2014-2020 no sector vitivinicola da Ribeira Sacra e a situación na que queda Monforte dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T), que marca a folla de ruta das grandes infraestruturas europeas para os próximos anos.
En relación ao sector vitivinícola, na reunión mantida con alcalde e co Consello Regulador da Denominación de Orixe Riberira Sacra, Miranda confirmou que a futura Política Agraria Común (PAC) mantén os dereitos de plantación de viñedos ata o 2030, superando a proposta inicial de liberalizar o sector en 2015. Unha medida que o BNG defendeu no debate da PAC ao seu paso polo Parlamento Europeo, en consonacia coa demanda do sector vitivinícola da Riberira Sacra.
Coa prolongación dos dereitos de plantación, «queda garantido que a Ribeira Sacra seguirá producindo viño de alto valor engadido, con prezos que permitan aos produtores manter un nivel de renda que compense o enorme esforzo do seu traballo, non só desde o punto de vista económico, senón tamén medioambiental, paisaxístico e de conservación do territorio», explica a eurodeputada nacionalista.
Neste sentido, Miranda salientou «o valor pasaixístico e patrimonial que os viñedos teñen na Ribeira Sacra, convertidos nun sinal de identidade de Monforte e comarca, capaz de xerar unha actividade económica que abarca a produción de viño, pero tamén ao turismo de calidade, a xeración de emprego e a preservación do territorio», argumentou.
Miranda tamén fixo referencia durante o encontro coa directiva do Consello Regulador ás axudas directas previstas na PAC para aquelas explotacións que cumpran unha serie de requisitos de conservación do medioambiente ou sexan consideradas zonas de especial dificultade orográfica. «As explotacións vitivinícolas da Ribeira Sacra cumpren ambos requisitos, polo que son receptoras deste tipo de axudas», salientou.
Monforte, no mapa europeo de transportes
A segunda cuestión a debate en Bruxelas importante para Monforte e a súa área de influencia é a Rede Transeuropea de Transportes, documento que establece cales serán as grandes infraestruturas europeas para os próximos anos, e que tamén foi tratado no encontro entre Miranda e Rodríguez.
Neste sentido, o alcalde monfortino confirmou que o denominado Porto Seco de Monforte figura como un dos tres grandes nodos loxísticos de toda Galiza, xunto con Coruña e Vigo (Plisan), cos que ademais queda conectado vía Lugo e Ourense respectivamente, «tras un traballo colectivo de todos os grupos políticos e sectores económicos e sociais da comarca», recalcou.
Figurar como nodo loxístico nese mapa das infraestruras europeas significa para Monforte ter unha terminal bimodal que integra ferrocarril e estrada para o transporte de mercadorías, e consolidarse como punto principal para organizar o transporte ferroviario de mercadorías, como porta de acceso e saída caro o resto do Estado, Portugal e Francia conectando co resto de Europa.
“Conseguido este primeiro obxectivo, xa adianto que agora a prioridade como alcalde neste tema será facer as xestións necesarias co Ministerio de Fomento para concretar prazos de execución e investimentos específicos para facer realidade este nodo loxístico canto antes”, explicou Severino Rodríguez, para quen é preciso establecer prazos e cantidades a investir que sumen tanto as aportacións da Unión Europea como as do Goberno central.
Nesta segunda fase de cara a materializar o nodo loxístico, Rodríguez salientou que, de novo, buscará a complicidade e o apoio de todos os axentes políticos, económicos e sociais, empezando por convocar a todos os alcaldes da Comarca “posto que se trata dunha oportunidade para o conxunto da Comarca de Lemos”, e insitiu en salientar que o Porto Seco “será mérito de todos, posto que é un traballo de todos”, concluíu.