Nós decidimos, nin a Igrexa nin a Red Madre vai decidir por nós

Nós decidimos, nin a Igrexa nin a Red Madre vai decidir por nós

A deputada do BNG Carme Adán, defendeu unha proposición non de lei a prol do dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo mentres o PP quixo recoñecer a aquelas persoas "que axudan ás mulleres a seguir co seu embarazo"


Carme Adán deixou claro esta cuarta feira cal era o cerne da súa intervención a través do lema que plasmou nunha camisola. "Nós decidimos" rezaba oslogan --berro de guerra en gaélico-- que a nacionalista abandeirou na Cámara galega. Adán, recolleu na súa interpelación o testemuño de Pilar García Negro --ex-parlamentar do BNG-- que "hai 23 anos", explicou Adán, "defendeu na Cámara" a modificación da Lei do aborto de 1985 "facéndose eco da voz de 9 organizacións" feministas. 
A moción defendida pola nacionalista na sesión plenaria procuraba, como ela propia recoñeceu, que as bancadas do Partido Popular recoñecesen "que pensan realmente en relación ao dereito das mulleres" a decidiren sobre o seu corpo. Neste senso, a organización frontista exixiu o mantemento da lei 2/2010 de libre interrupción do embarazo, "que se garanta a súa aplicación en centros públicos", o cesamento da financiación pública a grupos relixiosos antiabortistas e a garantía de formación @s profesionais médic@s. 
O PP, que rexeitou a proposta presentada polo Bloque Nacionalista Galego, acusou @s nacionalistas de defender posicións "anacrónicas" e "ideolóxicas" que non respectan o dereito á vida. Carme Adán retrucou as afirmacións da voceira popular asegurando que "as mulleres" defenderon e "coidaron" a vida ao longo da historia; "ninguén as pode acusar de asasinas" --sentenzou-- fronte "as guerras e os xenocidios" que son, dixo, "produto do patriarcado". As bancadas do PP ferveron en apupos á deputada do Bloque á que mesmo acusaron de "sexista". 
O partido maioritario na Cámara recuncou na defensa do "estatuto ontolóxico do non nacido" e apelou á xurisprudencia do Tribunal Constitucional para apoiar o seu rexeitamento á lei de prazos da que din, non respondía "a unha demanda social". Mais o certo é que as institucións internacionais --a comezar polas Nacións Unidas-- chaman a garantir o dereito das mulleres a interromperen o seu embarazo en condicións de seguridade e evitar, asi, milleiros de mortes que acotío rematan coa vida daquelas mulleres que se someten a un aborto en condicións non seguras
Carme Adán lembrou á Cámara que a metade dos abortos practicados no mundo (arredor de 400 mil) son levados a cabo en condicións precarias, principalmente naqueles países onde a interrupción do embarazo está penalizada. De entre eles, o 17% remata coa morte da muller. 
"Nin a Igrexa, nin o PP nin a Red Madre vai decidir por nós"
Desde o BNG denunciaron que a Xunta de Galiza financie con fondos públicos organizacións ultrarrelixiosas que promoven a derrogación da lei do aborto. Amosando unha imaxe tomada dos valos publicitarios contratados por estas asociacións, Carme Adán exixiu que "nun Estado aconfesional" deixe de se financiar "a grupos relixiosos" para que sexa "a Igrexa quen lexisle" sobre os corpos das mulleres. 
"Nós decidimos", sentenzou a nacionalista "nin a Igrexa nin a Red Madre van decidir por nós". 



Nós decidimos, nin a Igrexa nin a Red Madre vai decidir por nós