Ingresos e gastos da campaña electoral das Europeas 2014

Ingresos e gastos da campaña electoral das Europeas 2014

prantaO Consello Nacional do BNG acordou publicar na web do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións ao Parlamento europeo.
A posta en marcha dunha campaña electoral na que o BNG renunciou a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia.
Podemos afirmar con orgullo que non coñecemos organización política que fixera unha campaña destas características, nin no seu formato, nin na fonte de ingresos -militantes e simpatizantes-, nin na renuncia a gastos nos que incorreron a maioría de formacións -créditos, correo masivo, profisionalización da comunicación en redes sociais, etc- que se presentaron.
Cremos, finalmente, que dadas as circunstancias, e mesmo os ataques e silenciamento que tivo que aturar o BNG, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo desta organización chamada Bloque Nacionalista Galego.

INGRESOS
Importe
Cota extraordinaria entre a militancia
132.000,00
TOTAL*
132.000,00

GASTOS (21% IVE incluído)
Importe
Lonas de fondo para actos centrais (17 actos públicos)
605,00
Imáns para vehículos de megafonía con logotipo BNG
1.447,16
Bandeirolas
13.673,00
PVC’s para os paus da luz
23.304,60
Bridas para material
2.299,00
Banners en xornais electrónicos e inserimento no “Sermos Galiza” (papel)
3.547,72
Cuñas radiofónicas
17.854,40
Elaboración de vídeo electoral para espazos gratuítos
4.908,67
Produción (montaxe, son, iluminación, etc.) dos 17 actos centrais
34.184,94
Edición e impresión de sobres, papeletas e dípticos
33.880,00
Cartaces (3 modelos en diversos tamaños)
18.150,00
Pés co lema para actos
1.038,18
Faixas
3.000,00
Web electoral
34,95
Alugueiro vehículo
522,72
Varios
3.630,00
TOTAL*
162.080,34
A diferenza entre ingresos e gastos (-30.080,34 € ) será recuperada tendo en conta o subsidio electoral pola obtención de representación no Parlamento europeo.
* A relación de gastos e ingresos é nacional. Ten a ver, daquela, co material e servizos contratados a nivel nacional. Non están contemplados outros gastos, en calquera caso menores, realizados por algunhas comarcas e localidades.
Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:
- Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
- Non se enviou correo masivo (“mailing”). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña. Foi a organización e a implicación de militantes e simpatizantes, co ensobrado e reparto man a man de 1.000.000 de sobres e papeletas e de 650.000 dípticos, quen fixo posíbel a articulación dunha alternativa que se demostrou máis eficaz no contacto social.
- Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza”.
- Non se contrataron condutores para desprazar persoas que interviñan en actos por toda a nación. De feito, no caso da primeira candidata, que precisaba deste servizo, este traballo foi realizado desinteresadamente, só por compromiso político, por un compañeiro do BNG.
- Non se lle pagaron dietas ou desprazamentos ás persoas que interviron nos actos públicos, nin na Galiza, nin aos que se acudiu en Euskal Herria e Catalunya. Tampouco nas viaxes previas realizadas a eses dous países para negociar a coalición electoral con EH Bildu.
- Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela e á Coruña para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
- Non se contratou ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC’s), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
- Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
- Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas (PVC’s, faixas, autocolantes de interventor@s e apoderad@s, etc.) das diferentes comarcas, reutilizándoo.
- Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.