Feijóo debe cumprir a súa palabra e parar a Área de Xestión Integrada de Lugo

Feijóo debe cumprir a súa palabra e parar a Área de Xestión Integrada de Lugo


Cosme Pombo lembrou a manifestación, na que máis de 9.000 persoas dos concellos das comarcas de Chantada, Lemos e Quiroga rexeitaron os plans do PP para impoñer a “xestión sanitaria integrada” en Lugo en contra dos servizos do complexo hospitalario monfortino
O deputado do BNG, Cosme Pombo formulou hoxe unha pregunta ao goberno na comisión de sanidade celebrada no Parlamento galego, sobre a intención do Partido popular de eliminar as áreas sanitarias da Mariña e Monforte e que afectará á calidade asistencial de máis de 100.000 persoas.
Na súa intervención, o deputado do BNG instou á Xunta a parar esta medida e manter as áreas sanitarias de Monforte e a Mariña cos actuais servizos sanitarios, “Sr. Feijóo, dixo, cumpra vostede a palabra que lle deu a Monforte”.
Aseamde, deputado pediulle ao director xeral de Asistencia sanitaria que non “desoa” aos miles de persoas que hai uns días percorreron as rúas de Monforte contra a “centralización hospitalaria en Lugo”, foron 9.000 persoas, dixo, as que saíron a rúa para defender a asistencia sanitaria na Mariña e Monforte.
Feijóo incumpre o seu compromiso con Monforte
O nacionalista pediu que o Presidente da Xunta cumpra o seu compromiso coa Plataforma de Defensa da Sanidade Pública de Monforte á que lle transmitiu que o hospital de Monforte “non dependería de Lugo” porque será unha área sanitaria co seu propio funcionamento.
Pombo explicou que o Hospital da Costa ten asignadas máis de 70.000 persoas, distribuídas en 14 concellos e o Hospital Comarcal de Monforte, 50.000 usuarios de 11 concellos, coa nova xestión integrada do Partido popular, afirmou, estas persoas pasarían a ter como hospital de referencia o Hospital de Lugo, “a 100 km de Burela e outro tanto de Monforte”.
Cánto vale a palabra de Feijóo?


A centralización sanitaria prevista pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, dixo Pombo, eliminará os investimentos prometidos para os centros de saúde e dos hospitais da Costa e de Monforte, implicará longos desprazamentos de usuarios e facultativos e o persoal deberá inscribirse nas listas de contratación provincial para aceptar contratos a máis de cen km do seu domicilio.
Trala intervención do director xeral de Asistencia sanitaria que confirmou a implantación da Área de Xestión Integrada de Lugo, o nacionalista indicou que na recente manifestación de Monforte nos carteis que portaban os asistentes, na súa maioría xente maior, podíase ler “cánto vale a palabra do Presidente da Xunta?”.
9.000 persoas saen a rúa a defender a Sanidade pública
Para Cosme Pombo, “esas nove mil persoas contan con nove mil razóns para defender a sanidade pública”, os investimentos, servizos como partos e pediatría así como diversas especialidades ás que acoden.
O nacionalista reclamou a ampliación do Hospital da Mariña e lembrou que o anterior xerente, ex- alcalde do Partido popular en Cervo, manifestou “apelo a todos os alcaldes da área sanitaria para defender a sanidade da Mariña e non quedar marcados sempre de ser os corresponsables do seu traslado para Lugo”.
Pombo concluíu a súa intervención reclamando “un cambio de rumbo” na política da consellería de Sanidade e paralizar a centralización da xestión sanitaria integrada en Lugo.